A "lamentable situación" no centro de saúde de Moraña chega ao Parlamento da man do BNG
Por Redacción
O deputado Luis Bará visitou Moraña para avanzar e explicar as iniciativas presentadas polo grupo do BNG no Parlamento galego a respecto da "lamentable situación no centro de saúde".
O deputado nacionalista explicou que entre as iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento destaca unha proposición non de lei para debate en pleno no que se instará á Xunta a dotar dos medios necesarios ao centro de saúde e nomeadamente do seguinte persoal: servizo de pediatría, cobertura de praza de médica xubilada, cobertura a tempo completo de médica de baixa e recuperación de praza de celador amortizada.
Os deputados do BNG tamén rexistraron varias preguntas para a súa resposta en comisión por parte dos responsables da Xunta de Galicia.
O voceiro municipal do Bloque, Marcos Suárez agradeceu "o intenso traballo que están a realizar neste eido os deputados nacionalistas en Santiago" e asegurou que "dende o BNG seguiremos traballando en todas as frontes para revertir os recortes no centro de saúde e poder acadar unha atención sanitaria digna para todas e todos os veciños de Moraña, sen desbotar ningunha iniciativa ou alternativa mobilizadora".