As Festas de San Xoán, punto de partida do 'Verán en Poio 2022'
Por Redacción
A Concellería de Festexos xa traballa na programación correspondente ao ano 2022 dunha das súas citas de referencia. Trátase do 'Verán en Poio', que se estenderá desde o 22 de xuño, co comezo das Festas de San Xoán, ata finais de setembro.
Durante os meses da temporada estival haberá un gran número de iniciativas, actuacións, concertos e actividades de lecer para persoas de todas as idades, mantendo o espírito de edicións anteriores e adaptándose en todo momento á situación sanitaria.
Neste sentido, o edil responsable deste departamento, o nacionalista Xosé Luís Martínez, confía en que "para entón o contexto sanitario sexa o suficientemente bo como para que poidamos ir retomando eventos emblemáticos en condicións semellantes aos tempos previos á chegada da pandemia".
Deste xeito, o programa iniciarase cos festexos na honra do santo patrón de Poio, desde o citado 22 ata o 26 de xuño. Martínez Blanco adianta que o municipio contará con actuacións "de orquestras e grupos de renome, referentes no noso país".
Posteriormente, xa no mes de xullo, o protagonismo recaerá na parroquia de San Salvador. Os días 8 e 9 voltará o Sons de Ánkar, un ciclo de concertos musicais que chega á súa terceira edición.
"É unha cita que estreamos en 2020, xa en tempo de pandemia, e funcionou realmente ben tanto este ano como o anterior", indica o concelleiro do goberno local. Estes dous concertos realízanse ao abeiro da Deputación de Pontevedra.
Ademais doutra actuación, aínda por concretar, o 24 de xullo, a Concellería de Festexos tamén aposta por impulsar unha nova edición do Festival Chalaniña, que, coas súas actuacións e espectáculos de humor e maxia, "é xa un clásico do verán en Lourido e un referente para as crianzas".
No mes de agosto, Xosé Luís Martínez avanza que "teremos a semana grande da programación entre os días 23 e 28". Nesas datas, ademais de desenvolverse a Festa do Mar (que, por segundo ano consecutivo, contará con iniciativas tanto na parroquia de Combarro como na de Raxó), tamén se ofrecerán grandes concertos musicais en lugares como Samieira, ademais das parroquias anteriormente citadas.
Como despedida, no mes de setembro volverá a Festa da Ameixa de Campelo. "Confiamos en que para entón xa poidamos recuperar a súa esencia gastronómica", indica o concelleiro de Festexos, que, por último, confirma que entre o 22 e o 24 de setembro será o Fin de Festa do Verán na Seca, con concertos a cargo de grandes orquestras.
"Esta fórmula tamén funcionou moi ben este ano e queremos mantela", concluíu.
O edil de Festexos non descarta introducir "máis novidades" na programación, de xeito que "o verán en Poio continúe sendo motivo de celebración e un referente de lecer tanto para a veciñanza como para as miles de persoas que nos visitan nesa época do ano".