Ingresa en prisión un home ao que lle interviron 101 pastillas de éxtase
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional de Pontevedra detiveron un home, veciño de Pontevedra, de 35 anos de idade, que xa contaba con antecedentes policiais, como presunto autor dun delito de tráfico de drogas pola venda a pequena escala de haxix, cocaína e éxtase a terceiras persoas.
Segundo informa a Policía Nacional, a investigación partiu de axentes policiais doutras unidades nas que alertaban ao grupo de Prevención da Delincuencia de actividade de venda de droga en varios puntos da cidade, vencellados ao lecer nocturno.
A droga vendíase polo miúdo no exterior dun local nocturno onde se reúnen, segundo fontes policiais, unha cantidade significativa de persoas que consomen substancias estupefacientes.
Os axentes iniciaron as pescudas que finalizaron na identificación do presunto vendedor. Os policías observaron intercambios con outros mozos de substancias estupefacientes a cambio de diñeiro.
No momento en que foi interceptado, o home levaba no interior da cazadora un total de 101 pastillas de éxtase (MDMA). Os policías observaron intercambios con outros mozos de substancias estupefacientes a cambio de diñeiro. Os axentes interviñeron, ademais, un total de 105 euros; 5,7 gramos de cocaína e 3,6 gramos de haxix.
O grupo de prevención da delincuencia da Brigada de Prevención de seguridade cidadá, os coñecidos a nivel interno como 'linces', procedeu á detención do home como presunto autor dun delito contra a saúde pública e, segundo as mesmas fontes, xa ingresou en prisión.
Relacionadas:
-
Un pago por Bizum delata un vendedor de droga de Pontevedra
Por Redacción |
-
Once detidos e máis de 30 quilos de droga intervidos nunha operación en Pontevedra e A Coruña
Por Natalia Puga |
-
Detido un ladrón por roubar as caixas rexistradoras de tres negocios e levar un cuantioso botín
Por Natalia Puga |
-
A detención de tres individuos permite desarticular diferentes puntos de venda de droga en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |