Tres detidos por violencia machista, un deles por encerrar á súa parella para que non saíra soa á rúa
Por Redacción
A loita policial contra a violencia machista non se detén. En apenas dez días, a Policía Local detivo tres homes en Pontevedra como autores de diversas agresións ás súas parellas.
O caso máis grave ocorreu o pasado domingo 5 de decembro cando, sobre as tres da tarde, unha muller chamou chorando á Policía Local para relatar que fora agredida polo seu mozo.
Os axentes localizaron á vítima preto da estación de autobuses. Ela explicou que descoñecía onde estaba porque había pouco que se atopaba en Pontevedra xa que levaba vivindo coa súa parella tres meses, logo de terse coñecido polas redes sociais.
A muller, que tiña diversas lesións nas pernas, explicou que logo dunha discusión, el indicoulle que abandonase a vivenda e cando ela saía polo portal, propinoulle un forte empuxón por detrás, tirándoa ao chan e causándolle feridas nos xeonllos.
Desde que chegara a Pontevedra, segundo o seu relato, non lle permitía saír soa a rúa e a tiña encerrada cando el ía traballar, xa que se trataba dunha persoa moi celosa.
O home de 39 anos, que estaba no seu domicilio, foi detido e posto a disposición xudicial.
O segundo detido é un home de 47 anos que xa tiña unha orde de afastamento da súa muller, polo que é investigado por un delito de quebrantamento de condena por violencia de xénero.
Foi o pasado 25 de novembro sobre as 00.30 horas. A Policía Local recibiu unha chamada na que se alertaba dunha forte discusión dunha parella no interior dun piso.
Ao chegar ao lugar, os axentes entrevistáronse coa persoa que denunciou a situación quen relatou que, ultimamente, eran frecuentes as fortes discusións así como golpes, á vez que se escoitaba como a muller dicía en voz alta "estás a facerme dano".
Cando os axentes se dirixían á porta do domicilio da parella, escoitaron con claridade a voz dunha muller e cando chamaron, abriulles un home que sostivo que se atopaba só.
Desde o interior da vivenda escoitouse a voz dunha muller interesándose en saber quen chamaba á porta, polo que o home recoñeceu que se atopaba coa súa parella.
Os policías falaron aparte coa muller, que confirmou que o que sucedera fora unha discusión de parella e que non fora agredida. Os axentes non observaron signos de violencia.
O terceiro dos casos deuse sobre as 23:55 horas do 1 de decembro, cando unha muller chamou á Policía Local asegurando que a súa parella a maltratara.
Cando os axentes chegaron ao lugar atoparon na rúa á muller en pixama e en compañía dun can. Estaba moi nerviosa e con medo de que o home tomara represalias contra ela.
Segundo relatou, o home chegara ebrio ao domicilio había pouco tempo. Ao igual que noutras ocasións, iniciouse unha discusión entre eles que rematou cunha agresión por parte do home, á vez que a ameazaba con matar o can cunha pequena navalla.
O home, de 44 anos, foi detido polos axentes que o puxeron a disposición xudicial. Esta persoa tiña antecedentes por motivos similares con esta parella.
Relacionadas:
-
Detido un mozo de 19 anos por agredir aos seus pais, á súa irmá e á súa noiva
Por Oskar Viéitez |
-
O 90 % dos homes axuizados por violencia de xénero resultan condenados
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
As futuras enfermeiras aprenden claves para detectar casos de violencia machista
Por Redacción |
-
Maica Larriba: "A violencia vicaria é a peor expresión da violencia machista sobre a muller"
Por Redacción |