Movementos para executar un proxecto eólico no Morrazo pon en alerta ao Concello e aos comuneiros de Marín
Por Redacción
O salón de plenos do Concello de Marín acolleu este xoves unha reunión convocada pola alcaldesa María Ramallo para analizar as consecuencias dun proxecto eólico no Morrazo que afectaría a Marín.
Na xunta participaron, ademais dos concelleiros de Medio Ambiente e Medio Rural, Marían Sanmartín e Pablo Novas; os portavoces do grupo socialista e do BNG, así como representantes das Comunidades de Montes de Santomé e de Ardán, da Mancomunidade de Montes do Morrazo e da Plataforma Eólicos NON.
A intención deste encontro era a de "compartir coas partes implicadas a información que temos ata o momento no Concello respecto ás peticións que se solicitaron sobre cuestións urbanísticas respecto de varias parcelas”. Ademais, o resto de sectores, como as comunidades de montes, trasladaron tamén a información que tiñan sobre este tema, pendentes de realizar de cara ás vindeiras semanas novas reunións informativas coas súas asambleas.
A rexedora trasladou e deixou patente que “a día de hoxe non hai ningún proxecto presentado para a zona dos Montes do Morrazo que está definida dentro do Plan Sectorial da Xunta de Galicia”.
É dicir, que “aínda que unha posible solicitude de parcelas para a creación dun parque eólico contemple algunhas que están dentro dese Plan, non significa que o proxecto poida acadar os informes favorables dos organismos correspondentes que se precisan para levalo a cabo”, aclara Ramallo.
Polo tanto, a alcaldesa trasladou a necesidade de esperar para ver como avanza a situación, “xa que, polo momento, o Concello de Marín simplemente recibiu a solicitude de información urbanística de determinadas parcelas. Non existe ningún proxecto presentado nin nos consta que se tramitase ningún plan supramunicipal”.
Ao remate da reunión, Ramallo adiantou que contactará co resto de concellos afectados para recabar información sobre este asunto.
Relacionadas:
-
A Xunta promete a máxima cooperación cos concellos "para garantir un desenvolvemento eólico ordenado e sustentable"
Por Redacción |
-
Pontevedra di "non" ao actual modelo eólico de Galicia
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Cerdedo-Cotobade súmase á xornada de protesta convocada en Galicia pola Coordinadora Eólica Así Non
Por Redacción |
-
O PSOE de Marín ve un "disparate" o proxecto do novo parque eólico "en pleno corazón das Rías Baixas"
Por Redacción |
-
Convocan unha protesta en Pontevedra contra o proxecto de parque eólico no Castrove
Por Redacción |
-
Mobilización "fronte a actual invasión eólica" no Día das Montañas
Por Oskar Viéitez |