Poio apraza a actualización do recibo do lixo para estudar a suba imposta por Sogama
Por Oskar Viéitez
O grupo de goberno do Concello de Poio (BNG-PSOE) decidiu no Pleno celebrado este martes aprazar a modificación da ordenanza fiscal do servizo de recollida e tratamento de lixo para poder estudar con detemento o efecto que tería sobre os cidadáns a suba imposta por Sogama do 35%.
A sesión plenaria foi seguida polos representantes de varias asociacións de veciños de Poio que trasladaron a súa preocupación polo incremento dalgunhas taxas. En concreto, voceiros veciñais do Vao, Lourido, Campelo, Samieira, Raxó e O Muiño trasladaron as súas queixas polo feito de que o Concello de Poio teña unhas taxas máis elevadas que outros municipios sen que isto supoña un mellor servizo.
Pola contra, o goberno local aprobou o incremento en 2014 das taxas municipais que cobra Aquagest (subministración e saneamento da auga), e que supoñerán un encarecemento anual, para unha vivenda de tipo medio, de tres euros.
O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, cualificou a revisión das taxas como "moi sensata" e xustificouna "para non crear desfases" e é que segundo puntualizou o alcalde, Luciano Sobral "a suba é similar á que se estima do IPC para finais deste ano" ao que o tenente de alcalde, Chelo Besada (PSOE), engadiu "aprobámolo con moita dor de corazón porque somos conscientes de como está a economía dos nosos veciños" e citou unha longa lista de recortes e o encarecemento da vida "ao final todo suma", dixo.
Pola súa banda o voceiro municipal do PP, Ángel Moldes, comparou os impostos que pagan os veciños de Poio cos doutros municipios e insistiu na queixa veciñal sobre a calidade dos servizos que aquí se prestan "pero nós non chamamos a insubmisión, como fan outros, nós dicimos que os impostos hai que pagalos", concluíu referíndose ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG).
Antes da votación e para pechar o debate Luciano Sobral insistiu en que outros cobramentos como IBI, vados ou circulación "conxelanse por terceiro ano consecutivo non concello de Poio".