Así será o futuro parque de calistenia da Illa das Esculturas
Por Redacción
O Concello de Pontevedra prevé adxudicar á empresa Juegos Kompan o subministro e instalación do novo parque de calistenia e actividade física saudable da Illa das Esculturas. A oferta económica efectuada pola firma foi de 97.707,50 euros (IVE engadido).
A intervención ten un compromiso de ampliación de garantía en 15 anos, ofertando un total de 17 anos de garantía, e a disminución do prazo de execución da, que inicialmente era de 15 semanas e que se reduciu en 8, quedando así en só 7 semanas.
O tenente alcalde, Tino Fernández, agarda que esta infraestrutura deportiva estea lista antes da primavera de 2022.
O parque de calistenia contará cun moderno equipamento de actividade física saudable ao aire libre nas inmediacións da pasarela peonil (na entrada á zona verde a través do paseo de Rafael Areses), nunha área de terra compactada estabilizada cunha capa de cemento cunhas dimensións aproximadas de 300 metros cadrados.
A infraestrutura deportiva permitirá complementar as actividades aeróbicas con outras de mantemento e incremento da forza xeral e específica, incidindo así na mellora da calidade de vida da poboación en xeral.
Entre as actividades que se poderán practicar inclúense exercicios de calistenia, parkour, workstreet, HIIT (High Intensity Interval Training), cross training, bootcamp, traballo de forza, mobilidade articular e cardio.
Ademais, as persoas con mobilidade reducida poderán facer uso da instalación ao mesmo tempo que xente moza ou as persoas maiores que busquen mellorar a súa calidade de vida con traballo de forza xeral e específica e mobilidade articular.
Tino Fernández lembra que este parque será o primeiro que o Concello ten previsto executar na cidade, xa que tamén plantexa construír outro de superficie de entre 100 e 150 metros cadrados no barrio de Mollabao.