Un vídeo promocional marca o inicio da campaña de Nadal no comercio local
Por Redacción
Pontevedra acaba de estrear un vídeo que ten como obxectivo promocionar o comercio local para a campaña do Nadal.
Esta iniciativa, apoiada pola concellería de Promoción Económica, non se centra en dar visibilidade ás tendas, senón en todo o que conleva realizar compras no comercio local.
"Podes atopar xente que hai tempo que non ves, tomar un cafe nunha terraza, pasear ou facer fotos en zonas turísticas, e onde tes unha gran seleccion de todo tipo de comercios", explican os realizadores desta peza audiovisual, Alex Mosteiro e Emi Ramírez.
O vídeo, que ten unha duración próxima aos cinco minutos, foi gravado ao longo do mes de novembro. Está protagonizado por tres actrices e un actor que mostran o lado máis amable e divertido do comercio a pé de rúa.
A banda sonora da campaña é obra de Gustavo Almeida.