Un xabaril irrompe de noite na AP-9 e desencadea un accidente
Por Alejandro Espiño
Un aparatoso accidente de tráfico ocorrido de madrugada, afortunadamente sen consecuencias graves, alterou a circulación na AP-9. Foi tras irromper na autoestrada un xabaril que desencadeou o sinistro ao cruzarse cun vehículo que circulaba por ela.
A propia vítima relatou a PontevedraViva que o accidente se produciu sobre as catro e media da madrugada deste domingo, pouco despois da peaxe de Alba cando esta condutora dirixíase a coller un avión ao aeroporto de Santiago.
Á moza, que ía soa no coche, cruzóuselle un xabaril pola calzada "e do susto dei un volantazo como acto reflexo para tentar evitar o golpe", aínda que o vehículo acabou golpeando contra as proteccións. "Como non podía controlalo agarreime ben e pechei os ollos"¸ relata.
O animal seguiu camiñando pola autoestrada e a ambulancia que atendeu á condutora, que circulaba casualmente detrás dela, "case o leva por diante tamén"¸ explica a vítima.
"De milagre non me pasou nada", asegura a condutora, que foi derivada ao Hospital Montecelo afectada de mazaduras, dores de costas e pescozo e unha contusión forte no peito, probablemente causada polo cinto de seguridade e o airbag do coche.
Ao lugar do accidente, entre outros efectivos, tamén se trasladaron axentes da Garda Civil, bombeiros e persoal de mantemento da autoestrada.
"A verdade é que vivo para contalo pero foi un accidente moi duro", rememora esta moza, que lamenta que este tipo de circunstancias sucedan en autoestradas de pago que deberían estar valadas adecuadamente para evitar que accedan animais salvaxes.