ELNOSA abandonará a Ría de Pontevedra no 2017
Por Alejandro Espiño
Outubro de 2017. ÿ a data fixada para o cesamento total da actividade produtiva de Elnosa no complexo industrial de Lourizán. A partir de aí, a empresa iniciará o proceso de desmantelamento das instalacións. Así se recolle no acordo asinado entre a Xunta de Galicia e o Grupo CUF, propietaria da cloreira. A multinacional portuguesa comprométese ademais a reducir a súa produción de forma "ordenada e progresiva" a partir do 31 de decembro de 2016.
O acordo, desvelado este mércores polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, é unha garantía, sinalou Agustín Hernández, de que Elnosa "abandonará a ría antes do ano 2018", data na que finaliza a concesión de dominio público dos terreos onde se sitúa a fábrica. Ata entón, dixo, a empresa "poderá continuar co seu traballo e coa súa produción con total normalidade e total seguridade xurídica".
"O cese de actividade dunha producción como a que fai Elnosa é complicado e polo tanto débese facer por fases", aclarou o conselleiro, quen explicou que desde o 31 de decembro de 2016 producirase unha "eliminación de liñas de produción" de tal forma que o desmantelamento da fábrica comece no último trimestre de 2017.
Ademais, este acordo recolle o compromiso da empresa para que, no prazo duns dez meses, presente á Xunta de Galicia un plan de traslado no que recolla dous emprazamentos alternativos, un dos cales polo menos deberá estar dentro do "área de influencia" de Pontevedra, "para continuar coa produción de cloro pero axustada á tecnoloxía de membrana que é a máis respectuosa co medio ambiente".
A opción pontevedresa será "prioritaria" para a Xunta de Galicia, aínda que o acordo non contempla como levará a cabo devandito traslado ou se será a empresa a que asuma todo o custo económico desta operación. "Non está contemplado o custe do traslado, esa é unha decisión empresarial", sinalou Hernández. O compromiso do goberno galego, explicou, será "trasladar aos distintos concellos" as propostas de traslado presentadas pola empresa.
"Unha vez teñamos esa ubicación, o custe e as implicacións e a conformidade do concello ao que se quere trasladarse, a Xunta analizará as posibilidades de axudar e colaborar con ese traslado", recoñeceu o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Unha operación que servirá, subliñou, para "aportar un período de estabilidade aos traballadores posto que Elnosa poderá continuar coa súa actividade ata o seu peche definitivo".
Este traslado de Elnosa producirase, en todo caso, máis de tres anos logo da data inicialmente fixada na súa autorización ambiental, que determinaba a súa saída en xaneiro de 2014. Neste sentido, Agustín Hernández asegurou que Medio Ambiente emitirá unha nova autorización ambiental integrada que incorporará os termos do acordo e que permitirá a continuidade da cloreira ata a data acordada.
E ENCE?
Con este pacto entre a Xunta de Galicia e Elnosa, a empresa renuncia a intentar prolongar a súa permanencia na Ría de Pontevedra, "a pesar das posibilidades que recolle a modificación da lei de costas", recoñeceu Agustín Hernández, quen lanzou unha mensaxe directa a Ence, ao afirmar que "outras empresas da zona poderían fixarse neste acordo", cualificado polo goberno galego como un exemplo de "colaboración e cooperación".
Trátase da "primeira vez", destacou o conselleiro, que unha das empresas do complexo industrial de Lourizán asume de xeito "incuestionable" o abandono do seu actual e "inadecuado" emprazamento e que aposta pola continuidade da súa actividade noutro punto do territorio galego. E engadiu que a empresa renuncia ademais a reclamar "importe algún á Xunta" polo cesamento da súa actividade de produción de cloro.
Con respecto a ENCE, Agustín Hernández insistiu en que a empresa manifestou publicamente a súa intención de recorrer á modificación da lei de costas para permanecer en Lourizán. "Ence deberá facer unha proposta ao goberno da Xunta se o considera pertinente e a analizaremos como analizamos calquera proposta, pero supoño que Ence reflexionará a partir de hoxe sobre a necesidade de chegar a acordos como fixo hoxe Elnosa", concluíu.