Melloran un vial en Bordóns no lugar da Lamela
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo está a acometer unha mellora de seguridade viaria en Bordóns no lugar da Lamela.
A actuación que conta cun orzamento de 25.499 euros céntrase na construción dun novo muro de cachotería, que funciona como contención, e o ensanche do vial ata os 4 metros. Os traballos de construción do muro está previsto que rematen esta mesma semana e, a continuación, procederase ao hormigonado ao longo de 35 metros do camiño.
Na parte máis alta, colocarase un valo e un banco que permitirá gozar das vistas do municipio desde esa zona.
O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Obras e Servizos, Óscar Vilar, visitaron este luns a actuación, así como outra zona no mesmo lugar da parroquia no que se prevé actuar en breve e que supón un problema similar a leste no que xa se está traballando. Martín destaca "a boa colaboración veciñal para poder levar a cabo estes traballos coa cesión voluntaria de terreo para ampliar un camiño que agora será un vial en condicións".
Tamén en Bordóns, o pasado mes de setembro concluíron os traballos de recuperación do leito do río Sear e a mellora do cruzamento do camiño municipal que atravesa Dorrón.
A actuación, que roldou os 30.000, euros ten o obxectivo de acabar coas inundacións provocadas polos desbordamentos periódicos do río debido á deficiente canalización do leito fluvial.
A obra incluíu tamén a reposición da pavimentación que presentaba gretas e mesmo fochas na parte máis próxima ao río. Para mellorar a seguridade do tránsito peonil pola contorna instalouse na ponte unha varanda.