Retiran 20 meses o carné ao condutor que circulou bébedo e en sentido contrario pola autovía de Marín
Por Natalia Puga
Un veciño de Pontevedra de 41 anos perdeu o carné de conducir durante 20 meses por orde xudicial por conducir bébedo e en sentido contrario pola avenida de Marín na madrugada do sábado ao domingo.
O home foi sometido este mércores a un xuízo rápido no Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra por un delito contra a seguridade viaria na súa modalidade de condución baixo os efectos das bebidas alcohólicas e recoñeceu os feitos polos que o denunciou a Policía Local de Pontevedra.
A Policía Local someteuno a un test de alcoholemia e deu un resultado positivo de 1,17 na primeira proba e 1,18 cando lla repetiron. Ambas as taxas son case cinco veces superiores ás permitidas para conducir un vehículo e constitutivas dun delito contra a seguridade do tráfico.
Segundo consta no informe policial remitido ao xulgado, cando os axentes déronlle o alto de madrugada circulaba en sentido contrario á circulación, pero non hai constancia de que xerara situacións de perigo real para o resto dos condutores, por iso é polo que este mércores fose xulgado por condución alcohólica, pero non temeraria.
O condutor recoñeceu os feitos no xuizo rápido e sinalou que non era consciente de que estaba circulando polo carril erróneo
Fontes xudiciais indicaron que o home relatou no xuizo celebrado nas instalacións do Xulgado de Garda que non era consciente de que circulase en sentido contrario ao permitido e que tan só se deu conta cando se cruzou no seu camiño a Policía Local. De feito, non foi consciente nin do momento no que se incorporou á vía na que circulaba polo carril equivocado.
O fiscal pedía inicialmente que fose condenado a seis meses de prisión e dous anos de retirada do permiso de conducir, pero o home confesou, de modo que decidiu aplicar unha redución dun terzo na condena solicitada. Finalmente, coa súa propia conformidade, foi penado a catro meses de cárcere e 20 meses sen carné, aínda que non entrará en prisión. O vehículo, un Volskwagen Passat, xa fora intervido pola Policía Local.
O home foi sorprendido pola Policía Local de Pontevedra sobre as 7.00 horas da madrugada do sábado ao domingo despois de que dous cidadáns chamasen ao Centro de Atención de Urxencias 112 relatando que o viron circular en sentido contrario pola avenida de Marín, un á altura da factoría de Ence e outro na rotonda da antiga Malvar.
Unha dotación policial dirixiuse á zona e presenciou como circulaba en sentido contrario na zona da glorieta de Malvar e cruzábase con tres turismos que circulaban pola mesma vía, pero no sentido correcto da circulación. Nun momento dado chegou a obstaculizar a circulación e a patrulla da Policía Local deulle o alto. Os axentes notáronlle claros síntomas de atoparse baixo os efectos de bebidas alcohólicas.