LAB Cultura bota a andar para mellorar a relación entre a infancia e a cultura na cidade
Por Redacción
Analizar e avaliar as debilidades e fortalezas en relación á infancia e á cultura en Pontevedra é o principal obxectivo do primeiro encontro do Lab Cultura do proxecto Laboratorio da Infancia, que este luns acolle o Pazo da Cultura.
Entre as cuestións ás que esta mesa de expertos pretende responder inclúense as seguintes: Cales son as mellores cualidades da oferta cultural para a infancia da cidade? En que destaca fronte a outras cidades de poboación semellante? Que vantaxes presenta o panorama cultural? Pode converterse nun 'living lab' sobre iniciativas culturais innovadoras? ou Cal é o punto máis feble do panorama cultural?
Existen e son suficientes o servizos ou iniciativas culturais? Cales son os erros que se deberían evitar? Que riscos presenta? En que se pode mellorar? Que cousas non se fan no eido da cultura por falta de coñecemento, orzamento ou interese? serán outros dos temas a análise.
Os membros deste Lab Cultura son Eulalia Agrelo, José Manuel Rey García, Gonzalo Maceira Hermida e María Covadonga Barreiro, de recoñecida traxectoria nos ámbitos da cultura, a educación e na Universidade de Vigo.
O proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento europea, contempla a elaboración dunha estratexia educativa dirixida ao alumnado de Primaria por parte da firma adxudicataria Taller Aberto, incluíndo un Plan de Acción que contribúa ao seu mellor desenvolvemento.
Dita estratexia será froito dun debate en cinco grupos de traballo interdisciplinares centrados nun tema concreto: Lab Espazo Público, Lab Medio Ambiente, Lab Sociedade, Lab Vida Saudable e Lab Cultura.
Cada un dos grupos se centra no estudo dun tema definido por un equipo de coordinación. Nestes temas clave, ademais da infancia, a educación será o grande eixo transversal que sustentará todos os debates (en todos os grupos hai sempre unha persoa relacionada con este ámbito), sendo abordados con perspectiva de xénero e carácter inclusivo.
Relacionadas:
-
Organizan cinco sesións públicas para presentar as conclusións das mesas de traballo do Laboratorio da Infancia
Por Redacción |
-
O colexio de Barcelos estreará a rolda de obradoiros do Laboratorio da Infancia
Por Redacción |
-
O Laboratorio da Infancia programa actividades saudables para escolares
Por Redacción |
-
A escalada deportiva, un 'Laboratorio da Infancia" para os escolares pontevedreses
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |