A Illa das Esculturas será o punto de referencia para as aventuras de Nadal
Por Redacción
A concellería de Promoción Económica e Turismo ofrece unha serie de actividades de estilo aventureiro para estas festas do Nadal. A Illa das Esculturas converterase no punto de referencia do programa Pontexogos Xunqueira Aventura.
Está prevista a instalación dunha food truck informativa e dunha mini carpa na zona situada nas proximidades da ponte peonil para acoller actividades entre os días 22 de decembro e o 2 de xaneiro.
As iniciativas que se programan serán 'Nadal na cidade', durante os días 22 e 29 de decembro, en horario de 16.30 a 18.30 horas. Trátase dun conxunto de probas ao redor de toda a cidade para toda a familia coa idea de poñer en valor Pontevedra. Todos os participantes contarán cun premio cando completen as probas.
O 24 e o 31 de decembro, en horario de 12.00 a 14.00 horas, realizarase 'Salva o Nadal', unha "escape room urbana".
Os participantes deberán completar unha misión pola cidade para capturar a un elfo que tenta evitar a chegada do Nadal. A concelleira responsable deste departamento Yoya Blanco anuncia que haberá pistas por diferentes puntos de Pontevedra, que se irán ofrecendo a través de dispositivos móbiles. Tamén se entregarán premios ás persoas que logren completar a misión.
Por último, 'Nadal en Pedais' terá lugar o 27 de decembro, entre as 16.30 e as 18.30 horas; e o 2 de xaneiro, entre as 12.00 e as 14.00 horas. Trátase dun "xeocaching", unha multiaventura en BTT para que aquelas persoas que queiran participar realicen un roteiro en bicicleta pola Illa das Esculturas.
Deberán seguir os códigos QR, que lles indicarán cal é o seguinte punto ao que deben chegar e en cada localización atoparán xogos como o tiro con arco, o slackline ou un rocódromo inchable. Cada participante terá que levar a súa propia bicicleta e, ao finalizar, entregaranse agasallos a todas as persoas que superen o roteiro.
Relacionadas:
-
85 establecementos comerciais participan no Conto de Nadal de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pontexogos percorrerá a partir desta fin de semana as diferentes parroquias de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Raíña Vitoria volverá ser un dos epicentros do Nadal pontevedrés cunha pista de karts
Por Redacción & Mónica Patxot |