Organizan cursos de formación específica para o tecido asociativo de Poio
Por Redacción
A Concellería de Participación Veciñal, Trasparencia e Espazos Cidadás, dirixida por Silvia Díaz (Avante Poio), levará a cabo unha programación de cursos formativos, dirixidos aos colectivos locais de Poio.
Esta primeira rolda de formacións está destinada a un total de 37 agrupacións deportivas, comerciais, culturais, medioambientais ou de igualdade, entre outras.
En concreto, as prazas destínanse a persoas que formen parte das directivas das asociacións que tomaron parte nas xornadas de difusión, celebradas a principios do pasado mes de xullo no Palacete de Besada, impulsados a través do programa Contorna Cidadá. Esta iniciativa ten como obxectivo a posta en valor do traballo dos colectivos locais, así como a difusión e promoción dos eventos e proxectos que desenvolven estas entidades e a optimización da Rede de Espazos Municipais.
Asemade, a Concellería de Participación Veciñal tamén busca fomentar a formación e orientar ás persoas responsables das asociacións municipais a familiarizarse con aspectos como as tramitacións electrónicas, algo que, tal e como lembra Díaz, "a día de hoxe é un requisito indispensable, pola obriga legal de relacionarse telematicamente coas administracións para poder realizar xestións administrativas. É necesario dar soporte ás directivas das asociacións para permitir que se adapten".
As sesións formativas darán comezo ao longo deste mes de decembro. A edil de Avante Poio explica que serán cursos presenciais, que se desenvolverán nos locais da Rede de Espazos Municipais, se ben tamén estarán a disposición das persoas inscritas na área privada do espazo web participaenpoio.gal que se implementará nas próximas semanas.
"Esta oferta desenvolvémola a demanda, tendo en conta as necesidades que nos transmiten as asociacións", apunta Silvia Díaz, que explica que os cursos serán de creatividade (achegando ferramentas para a organización e desenvolvemento de deseños en liña), cidadanía dixital (para trámites a realizar a través da Administración Electrónica) e xestión da financiación. Ademais, tamén se impulsa o Laboratorio Itinerante, a través do cal se achegarán pautas de asesoramento para o deseño de proxectos participativos, que axuden á dinamización do territorio. Este primeiro ciclo formativo pecharase co Banco de Boas Prácticas.
A concelleira de Participación Veciñal lembra que as persoas interesadas en obter máis información sobre estes cursos ou para resolver dúbidas relacionadas co programa Contorna Cidadá poden poñerse en contacto chamando ao 986770001 (extensións 1252, 1270 ou 1271) ou ben enviando un correo electrónico a ola@participaenpoio.gal.
Por outra banda, Silvia Díaz tamén sinala que desde o departamento de Espazos Cidadás xa se levou a cabo a renovación e unificación da sinalización, rotulación e imaxe dos locais que forman parte da Rede de Espazos Municipais de Poio.
Relacionadas:
-
Presentan unha web para dar unha "resposta integral" á participación cidadá en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O tecido social de Poio amosa a súa vitalidade
Por Redacción |
-
Tres profesionais das industrias creativas pechan os faladoiros 'A forza das mulleres'
Por Oskar Viéitez |
-
A paraxe da mítica Cuna da Moura mellorará o acceso e a sinalización
Por Redacción |
-
A Concellería de Turismo impulsa o proxecto 'Descubre Poio' para profesionais do sector
Por Redacción |