Pontevedra, centro da peregrinación a Santiago de Compostela
Por Redacción
O Camiño Portugués a Santiago consolídase como o segundo itinerario máis transitado da Ruta Xacobea, só por detrás do Camiño Francés.
No que vai de ano percorreron o Camiño Portugués 34.000 peregrinos, o que supón máis do 19 % de todos os peregrinos que obtiveron a Compostela, a credencial que certifica que se completou a Ruta Xacobea. En 2019, este Camiño recibiu 72.355 peregrinos, o 20,80 % de todos os que recibiron a Compostela en 2019, que foron 347.559. Estes datos oficiais xa de seu importantes, na práctica sono en maior medida, xa que son máis os peregrinos que fan o Camiño que os que selan a Compostela no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino.
En canto ao Camiño Portugués da Costa, máis de 7.400 peregrinos completaron o roteiro ata a data durante este 2021. En 2019 este Camiño fixérono 22.291 peregrinos, o que supuxo o 6% do total de peregrinos que fixeron o Camiño de Santiago, o que situou a esta ruta, xunto co Camiño do Norte, na terceira máis transitada dese ano, no que se bateu o récord de peregrinos que recibiron a Compostela, con 347.559 camiñantes.
O CAMIÑO MÁIS SEGURO
O Camiño Portugués a Santiago inicia o seu percorrido por Galicia en Tui ou na Guarda, segundo se transite por interior ou pola costa. Deste xeito continúase cun roteiro que arrinca en Lisboa. Precisamente nunha recente visita á capital do país veciño, o vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda puxo ao Camiño Portugués como exemplo de recuperación turística e animou aos empresarios do sector en Portugal a promocionalo como unha oportunidade de negocio e de promoción turística. Non en balde, Portugal é a nación estranxeira que máis peregrinos achega, seguida de Italia, Alemaña, Francia e Estados Unidos.
Así mesmo, Rueda valoraba como o Xacobeo está a ser un dos motores da recuperación económica en Galicia e lembraba que a Comunidade se atopa á cabeza na recuperación turística de España, grazas ao traballo feito nestes meses para reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro e de calidade cun modelo de turismo tranquilo e sostible.
Ademais de todas as medidas de seguridade ao longo do traxecto, perfectamente sinalizado, e estrito seguimento das indicacións sanitarias na ampla rede de albergues, o Camiño Portugués é axeitado para un amplo abano de ususarios. A regularidade do seu trazado faino especialmente indicado para camiñantes que precisen de escasa dificultade. Ademais, de todos os camiños que levan a Compostela, é o máis aconsellado para os peregrinos en bicicleta, por tratarse dun terreo chairo, sen apenas desniveis, con pistas de terra fáciles de transitar e algúns tramos asfaltados.
PONTEVEDRA, EIXO DOS ROTEIROS PORTUGUESES
O Camiño Portugués no seu tramo galego ten dúas posibilidades: o roteiro interior e a que segue a liña da costa atlántica. O Camiño Portugués interior comeza en Tui e percorre 6 etapas. Pola súa banda, o Camiño Portugués da Costa arrinca na Guarda e desenvólvese en 8 etapas.
Ambos camiños portugueses teñen o seu principal punto de paso na cidade Pontevedra, xa sexa camiñando polas súas rúas ou gozando das paisaxes naturais dos seus bosques e a súa ría.
O Camiño Portugués consolídase como o segundo itinerario máis transitado da Ruta Xacobea
A céntrica igrexa da Peregrina, ao pé do roteiro, guía aos peregrinos coa súa particular arquitectura, que mestura un barroco tardío con formas neoclásicas, e a súa planta en forma de cuncha de vieira, símbolo dos peregrinos, con finalización en cruz. A construción da igrexa data de finais do século XVIII e no seu interior acolle a imaxe da Virxe Peregrina, do século XIX, patroa da provincia de Pontevedra e, á súa vez, do Camiño Portugués. Acompañan á virxe, a cada un dos seus lados, as imaxes de Santiago e San Roque, co detalle de que os tres están vestidos de peregrinos.
A continuación, o Camiño Portugués a Santiago leva ao peregrino a outro espazo emblemático da cidade do Lérez. A praza da Ferrería, acompañada dos xardíns de Casto San Pedro e a súa fonte do século XVI, a praza da Estrela e o convento de San Francisco, que conserva a igrexa gótica de máis de cen metros de lonxitude en cuxa fachada se pode contemplar o seu gran rosetón.
O camiñante atravesará un dos centros históricos mellor conservados e abandonará a cidade no seu roteiro a Compostela pola emblemática ponte do Burgo, de orixe romana pero substituída no século XII por outra formada por once arcos rebaixados de medio punto e realizada en cantería medieval.