Alumnado do IES Luis Seoane exercerá de xurado no Concurso de Escaparates de Nadal
Por Redacción
O Concurso de Escaparates de Nadal é unha das citas xa habituais nestas festas en Pontevedra. Organizado pola concellería de Promoción e Turismo e a plataforma #PonteLovers, en colaboración coa empresa Pontevedra Dixital, búscase os escaparates dos establecementos comerciais mellor presentados.
Nesta edición, un grupo de 22 estudantes do módulo de Escaparatismo do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais e outro de catro estudantes do Ciclo Superior de Comercialización de Produtos Alimentarios do IES Luís Seoane de Monte Porreiro, a través da profesora titora Iria Morgade, encargaranse de avaliar aos participantes durante o venres pola tarde cun percorrido polos escaparates participantes.
O xurado tamén contará con outros nomes como Carmen Hermo, artista e docente da Universidade de Vigo; o escritor Manel Loureiro; a escaparatista e deseñadora de interiores Hilenia Iglesias Calvete; e Luz Gómez Señoráns, técnica de Distrito Forestal. Segundo explica a concelleira Yoya Blanco, os integrantes do xurado poderán visitar individualmente os escaparates finalistas entre o 16 e o 26 de decembro.
O xurado terá en conta a integración dos produtos á venda coa decoración; a composición do escaparate e a adaptación a estas datas; as gamas cromáticas, formas, texturas e utilización de materiais de reciclaxe e elementos naturais; a interacción co público; e a invisibilidade dos elementos auxiliares e o grao de traballo para a elaboración.
Os premios serán de 1.500, 1.000 e 500 euros para os tres primeiros clasificados. Ademais, sortearanse vales de 50 euros entre as persoas que elixan os seus decorados favoritos votando nas redes sociais para outorgar os premios do público. A votación realízase a través da ligazón 'Vota o teu Favorito' de Easypromos, que se difunde no web do Concello de Pontevedra e nas súas redes sociais, e tamén na plataforma # PonteLovers.
A proposta busca dinamizar a actividade comercial durante estas festas e mellorar a imaxe dos establecementos pertencentes ao comercio local con fórmulas orixinais. O prazo das propostas por parte dos comercios finaliza este mércores 15 ás 15.00 horas e os escaparates deberán permanecer ata o 6 de xaneiro. Os premios coñeceranse ao día seguinte, a través da páxina web do Concello.
Relacionadas:
-
Estudantes do IES Luís Seoane expoñen o resultado dun curso de fotografía
Por Redacción |
-
Casa Verdún e Índigo entregan parte dos premios de escaparatismo a Os Palleiros e Difusión Felina
Por Redacción |
-
O premio para o escaparate máis bonito do Nadal pontevedrés é para... restaurante Casa Verdún
Por Redacción |
-
85 establecementos comerciais participan no Conto de Nadal de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O concurso de escaparates de Nadal capta a 76 comercios de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontexogos percorrerá a partir desta fin de semana as diferentes parroquias de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Bolsas #PonteLovers para a campaña de Nadal
Por Redacción |
-
Decorar os escaparates de Nadal terá premios de ata 1.500 euros en Pontevedra
Por Redacción |