O planeta Mincha e una versión de Eurovisión, no campus apréndese xogando
Por Oskar Viéitez
Unha nave espacial aterra por accidente nun planeta xeado e descoñecido e os seus ocupantes teñen que facer fronte a diversos perigos para sobrevivir.
Este é o punto de partida dos tres proxectos de videoxogo que estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación desenvolveron ao longo deste cuadrimestre no marco dunha iniciativa impulsada polo grupo de innovación docente ComTecArt, dirixida a achegar ao alumnado de diferentes titulacións os procesos de traballo multidisciplinares da industria do videoxogo.
Tomando como fonte de inspiración o universo fantástico Planeta Mincha, creado polo ilustrador Manel Cráneo e, máis en concreto, unha pasaxe da súa novela gráfica Destino Hërgüss, tres equipos formados por estudantes dos dous centros deseñaron a primeira fase do xogo.
O resultado foi presentado nun encontro co desenvolvedor Pablo Monroy e que o vindeiro mércores, a partir das 18.00 horas, poderá probar calquera persoa interesada no evento que o grupo ComTecArt levará a cabo no seu perfil na plataforma Twitch.
UNIVISIÓN
Impulsado pola docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Inés Lareo, coa colaboración da profesora do CEIP A Xunqueira I Carmen Quinteiro, Univisión é unha iniciativa na que, emulando o formato dun concurso musical, o alumnado da facultade elabora unha serie de vídeos nos que interpretan cancións en inglés, acompañadas das súas correspondentes coreografías, que son avaliadas polo alumnado deste colexio.
Na tarde deste martes tivo lugar, de xeito virtual, a final deste concurso, na que o vídeo Don´t worry, be happy, de Helena Pardo e Raúl Cameselle se proclamaba gañador desta nova edición de Univisión.
Relacionadas:
-
Univisión: o concuso musical do grao de Educación Infantil no que o xurado non pasa dos 9 anos
Por Redacción |
-
Un videoxogo feito en Pontevedra achegará a problemática do cambio climático no medio mariño
Por Redacción |
-
O Campus abre á cidadanía obradoiros de videoxogos, ilustración, fotografía, redes sociais e vídeo 360º
Por Redacción |