80.000 euros para estudar como remodelar o porto de Santa Cristina de Cobres
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten definida unha partida de 83.000 euros para os estudos previos necesarios de cara a remodelación das instalacións portuarias de Santa Cristina de Cobres, no municipio pontevedrés de Vilaboa.
Estes traballos enmárcanse no servizo de redacción de proxectos en medio centenar de instalacións autonómicas. Así llo comunicou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, ao alcalde da localidade nunha reunión de traballo na sede do organismo autonómico.
A actuación prevista para Santa Cristina de Cobres prevé mellorar a operatividade das instalacións e reducir o seu impacto ambiental, especialmente no hidrodinamismo da zona. Segundo trasladou a presidenta de Portos, a día de hoxe o ente público avanza agora nos estudos marítimos de axitación da ondaxe.
O servizo de redacción de estudos e proxectos, que se atopa xa en execución, inclúe así mesmo o documento ambiental, estudos de dinámica litoral, hidrodinámico de correntes, de patrimonio cultural e arqueolóxico, batimétrico e de alternativas e o proxecto básico. Lenguas explicou ademais que a proposta integra a petición do sector de Vilaboa de analizar a posibilidade de atopar maior permeabilidade ao dique permitindo o fluxo de correntes dun a outro lado do mesmo.
Finalmente, informou tamén de que Portos de Galicia é coñecedor das necesidades do sector portuario, especialmente o bateeiro, que opera no porto de San Adrián e o próximo de Domaio, onde na actualidade xa se está a traballar nunha solución para aumentar a capacidade de atraque, especialmente para a descarga do mexillón.
Sobre este asunto, o rexedor, César Poza, mostrou o seu descontento pola falta de avances nunha cuestión fundamental para o sector pesqueiro. "Comprobamos que a pesar do compromiso adquirido cando viñeron ver a situación do porto non hai ningún avance, e queremos que non quede no olvido. O sector pesqueiro de San Adrián necesita unhas instalacións axeitadas para desenvolver a súa actividade e contan co total respaldo do Concello nesta petición”, esixe o alcalde.
Para este proxecto Portos destina unha partida orzamentaria de 96.000 euros, pero a este respecto Susana Lenguas lembrou que a ensenada de San Simón atópase en Rede Natura 2000, aspecto que fai máis complexa a tramitación dos proxectos.
Relacionadas:
-
O alcalde César Poza critica a negativa da Xunta a ampliar en 2023 o pantalán de San Adrián de Cobres
Por Redacción |
-
Piden á Xunta máis pantaláns no peirao de San Adrián de Cobres para aumentar os atraques
Por Redacción |
-
Portos de Galicia realizará unha batimetría para estudar unha remodelación do porto de Santa Cristina de Cobres
Por Redacción |
-
O porto de Santa Cristina de Cobres dará mellor abrigo ás súas embarcacións
Por Redacción |