Os colexios pontevedreses pásano de medo co Samaín
Por Redacción
O samaín invadiu os colexios pontevedreses. Durante toda a semana esta tradición de orixe celta que se celebraba coa chegada do solsticio de inverno encheu os centros educativos da comarca de obradoiros de cabazas e disfraces e todo tipo de actividades para implicar aos máis pequenos con esta festa e explicarlles algúns dos seus fundamentos que lle dan entidade propia fronte ao Halloween da cultura anglosaxona.
Este mércores as celebracións alcanzaron o seu punto álxido na maior parte dos colexios porque o xoves, previa de Todos os Santos e día en que se concentran a maior parte das festas desta natureza, non é lectivo nos centros escolares galegos con motivo do Día do Ensino. A xornada foi unha desas nas que os nenos o pasaron de medo.
Conta a lenda que, durante a noite, as ánimas dos ausentes pasan do mundo dos mortos ao dos vivos e visitan as casas das súas familias para quentarse e tomar algo de alimento. Este mércores, visitaron colexios como o CEIP Carballal de Marín, onde a ANPA construíu unha casa do terror pola que foron pasando os alumnos e na que non faltaron a nena do exorcista, a viúva do esqueleto, o chepudo, o home da motoserra, a morte ou a bruxa. Unha casa similar construír no CEIP Laxe de Marín.
Os alumnos do colexio de Parada-Campañó levan toda a semana sendo partícipes dunha exposición de cabazas que a directora define como "orixinal, tétrica e fantasmal" e este mércores acudiron disfrazados para por a guinda á decoración do centro e ao mural situado na entrada con bufos, morcegos, árbores sen follas e un castelo.
A exposición de cabazas repítese nos CEIP Santo André de Xeve, Espedregada de Poio, San Martiño de Salcedo, Praceres, Carballal ou Pontesampaio, onde este mércores celebrouse un concurso de decoración destes vexetais e premiouse ao máis votado. Mentres os maiores do centro repartiron caramelos xogando ao 'truco ou trato' os pequenos participaron nun taller de cociña de madalenas fantasmagóricas e nunha festa de disfraces de Samaín e fixeron un visionado de películas de medo.
No Príncipe Felipe a xornada incluíu un túnel do terror con nenos e adultos, no Isidora Riestra de Poio os máis pequenos participaron nun desfile, os escolares de Espedregada de Poio cociñaron receitas terroríficas e no CEIP Monte Mogor de Marín deron un paso máis e incluíron unha escenificación da Santa Compaña.