A Mesa sobre a violencia de xénero constatou o retroceso das proteccións das vítimas
Por Redacción
A Mesa sobre a violencia de xénero do Concello de Pontevedra reunida este mércores constatou o retroceso das proteccións das vítimas de xénero.
Presidida pola concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, á xuntanza da Mesa asistiron representantes dos Forzas e Corpos de Seguridad do Estado, da Policía Local, representantes dos Servizos Sociais do Concello, do Centro de Información á Muller (CIM), da administración educativa e tamén da Consellería de Benestar. Escusou a súa presenza o Colexio de Avogados.
Na reunión presentouse a programación do CIM, o programa Irene que continuará desenvolvéndose durante o ano 2014, e a campaña entorno ao 25 de novembro.
Segundo trasladou a concellería, no segundo punto falouse do retroceso nas administracións públicas, e tamén na sociedade, ao respecto do tratamento das vítimas de violencia de xénero.
Informa o Concello nun comunicado que na Mesa "denunciouse que a Consellería de Educación está esixindo ás vítimas documentacións que até o de agora non eran necesarias para que poida escolarizar aos seus fillos no lugar de residencia que decida, moitas veces escapando do agresor. Tamén que o INEM está a pór moitas trabas para o cobro da Renta Activa de Inserción que ata o de agora sempre foi automática para as vítimas acreditadas; na Xustiza estase chegando a acordos prexudiciais que deixan ás mulleres en franca desventaxa, porque conseguen a orde de aloxamento pero non entran na tipificación de vítima de violencia".
Nestes acordos páctase como unha denuncia por faltas, o que supón que todas as prioridades que se fixan para as vítimas como a prestación social ou de calquera outra, deixan de estar ao seu alcance. Tamén quedou constatado que cando non se chegan aos acordos prexudiciais as sentenzas son exemplarizantes, castigando á muller.
Os integrantes da Mesa comprometéronse a promover reunións tanto coa autoridade laboral como algún representante da administración xudicial para poder tratar estes temas, e fixar un protocolo de actuación o máis axil posible. Tamén se comprometeron a estudalo na administración educativa.
Relacionadas:
-
As mesas contra a violencia de xénero de 26 concellos intercambian boas prácticas
Por Redacción |
-
Carmen Fouces: "ÿ moi tentador recortar en servizos sociais. Á Xunta nalgún momento teremos que dicirlle basta"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Marín crea unha Rede de Voluntariado para acompañar as vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
A Xunta destinará case un millón de euros a programas de igualdade nos concellos pontevedreses
Por Redacción |