Protesta de Ence nas rúas de Pontevedra: "Todos somos Ramiro"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Ao redor de 150 traballadores de Ence e de empresas auxiliares manifestábanse este venres polas rúas de Pontevedra convocados polo sindicato Comisiones Obreras. Os motivos desta marcha, segundo expoñía Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa de oficinas centrais, era a petición ao alcalde de Pontevedra da retirada da denuncia pola que a Fiscalía solicita un ano de prisión a Ramiro Cerdeira, delegado do comité de empresa de fábrica, por golpear o vehículo do alcalde despois de protagonizar un peche con outros traballadores no Concello. Ademais, a protesta tamén se dirixía ao Goberno do Estado para reclamar a reactivación da mesa de diálogo co obxectivo de que os terreos que actualmente ocupa se adscriban ao Porto de Marín.
Ás 11.00 horas iniciábase a manifestación na praza do Hospital. Alí Ana Cedeira e Ramiro Cerdeira mostraban un escrito das dilixencias previas do xulgado no que aparece a alcaldía do Concello de Pontevedra como denunciante do traballador de Ence. "O alcalde di que nós mentimos, pero quen mente é o alcalde de Pontevedra", afirmaba a representante sindical alegando que a Fiscalía non actuaría se non se denunciara a un traballador que "só defendeu o posto de traballo dos empregados de Ence. Somos 5.000 Ramiros. Xa abonda de leste acoso en contra de todos nós. Non somos Ence-borroka, só somos traballadores. Hoxe todos somos Ramiro", expoñía Ana Cedeira.
Pola súa banda, Ramiro Cerdeira manifestaba que está a pasar un mal momento "porque me quere poñer como un delincuente. Quen puxo a denuncia foi a alcaldía. Quedei eu só e eramos trece, pero vou seguir defendendo o meu posto de traballo e o dos meus compañeiros con esta incerteza que hai na empresa".
Desde o goberno local de Pontevedra sosteñen que nin o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores nin o Concello presentaron denuncia contra o traballador e aseguran que no escrito da causa aparece claramente que a parte acusadora é o Ministerio Fiscal. Insisten en que, dos feitos sucedidos naquela protesta, só remitiuse ao xulgado o atestado da Policía Local sobre o ocorrido e consta nas dilixencias xudiciais que o coche do alcalde sufriu danos e que o rexedor declinou presentar denuncia. Tamén afirman que, cando o alcalde foi ao xulgado para prestar declaración, fíxoo en calidade de testemuña non de acusación.
En todo caso, os traballadores concentráronse ante o edificio do Concello culpando a Fernández Lores da situación que sofre actualmente a empresa. Alí Ana Cedeira berraba "Ence si, Lores non" seguida polos participantes da protesta e explicaba que non temían ás ameazas porque van seguir defendendo os seus postos de traballo.
A protesta concluía na Subdelegación do Goberno ante a presenza de numerosos dispositivos policiais que evitaban o acceso dos manifestantes ás escaleiras do edificio. Ana Cedeira acusou á subdelegada Maica Larriba e ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de considerar "terroristas" aos traballadores de Ence ao mobilizar sete furgóns para un acto en defensa do emprego na factoría de Lourizán. A representante de CCOO demandou a convocatoria da mesa de diálogo con todas as partes do conflito de Ence cun só tema: a adscrición dos terreos que ocupa actualmente a factoría ao Porto de Marín. Entenden que con este cambio, a empresa deixaría de estar regulada pola Lei de Costas e podería depender da Lei de Portos do Estado, que permitiría a súa permanencia na súa actual localización.
Antonio Taboada, de Seforcel, tamén se dirixiu aos asistentes para insistir na legalidade desa solución, amparándose no informe do Consello Consultivo e no inicio dos trámites por parte da Autoridade Portuaria para dar ese paso.
A protesta non foi secundada por representantes de CIG e UXT, unha nova mostra da división que existe dentro da factoría sobre as solucións de futuro para a empresa. Ana Cedeira pediu a aqueles traballadores que hoxe non puideran asistir que se somen a futuros actos para defender os seus empregos. A próxima cita será en febreiro, cando realicen unha marcha desde a fábrica ata o Porto de Marín para agradecer aos responsables da Autoridade Portuaria que iniciaran o procedemento para pedir ao Goberno que os terreos de Lourizán pasen a formar parte da entidade portuaria.
Relacionadas:
-
O traballador de ENCE acusado de atentar contra Lores elude a prisión e acepta pagar unha multa de 180 euros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Convocada unha protesta ante a Subdelegación para recuperar a mesa de diálogo sobre Ence
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O xuízo ao traballador de ENCE polo 'escrache' ao alcalde será o xoves
Por Alejandro Espiño |
-
Convocada para o 18 de febreiro a marcha a Marín para pedir a adscrición de Ence á Autoridade Portuaria
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Protesta pola retirada de catro pancartas que o Concello asegura que "non tiñan permiso"
Por María José Pita |
-
Concentración para demandar á dirección de Ence que manteña a quenda de noite na portería da fábrica
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A espada de Damocles que pende sobre ENCE
Por Alejandro Espiño |
-
Rexeitamento municipal á petición de Ence á Xunta de modificar o plan sectorial de incidencia supramunicipal en vigor
Por Redacción |
-
Pilar Rojo denuncia a pasividade do Goberno central no estudo da adscrición dos terreos de Lourizán ao Porto de Marín
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Convocan unha protesta este venres para pedir a Lores a retirada da denuncia contra o traballador de ENCE e unha nova reunión da Mesa
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
CCOO convocará novas protestas para forzar a adscrición dos terreos de ENCE ao Porto de Marín
Por Anxo Lourido |
-
Protesta diante da Audiencia por considerar inxusta a actuación da Fiscalía contra un traballador de ENCE
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Comisións Obreiras pecha filas co traballador de Ence ao que piden un ano de cárcere polas protestas no Concello
Por Manu Otero |
-
A Autoridade Portuaria pedirá a adscrición dos terreos de Lourizán "con ou sen ENCE" e incluíndo os de Elnosa
Por Oskar Viéitez |