O Apalpador chegará aos concellos da provincia desde este luns
Por Redacción
O Apalpador, a figura lexendaria do Nadal galego, chegará aos concellos da provincia desde este luns día 20 con moitas novidades: nova vestimenta, monicreques, unha banda de música ampliada e agasallos de árbores autóctonas para as alcaldesas e alcaldes para que os planten nos espazos públicos.
Así o explicou este venres na súa visita á Deputación provincial, onde foi recibido pola presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega, xunto ao seu acompañante acordeonista Servando Barreiro e o seu burro Río Lor.
O Apalpador explicou que este ano fará as súas actuacións e pasarrúas con nova roupa: estreará novos pantalóns de pana -feitos por un xastre de máis de 80 anos da provincia de Pontevedra-, chaleco, gorra e camisa, todo “moda galega”. Outra das novidades será que a súa comitiva incluirá dous monicreques que irán contando historias: a ‘Lobiña Coureliña’ feita en As Neves e ‘O señor Pandigueiro’, curmán do Apalpador, elaborado en Cangas do Morrazo.
Ademais, entregará a cada concello unha árbore autóctona para que sexa plantada nun monte ou algún espazo público que poidan gozar os nenos e nenas para coñecer máis a natureza propia galega. Na recepción institucional no Pazo Provincial, el mesmo agasallou hoxe á presidenta cunha sobreira, que ela escolleu pola súa relación co castelo do Sobroso, e cun loureiro á deputada María Ortega, quen explicou a súa elección por ser dun concello de costa e querer fomentar o consumo de produtos de mar.
O músico Servando Barreiro será o responsable da parte musical e "o encargado de animar as viaxes e os pasarrúas". Explicou que este ano ademais do seu acordeón haberá tamén unha saxofonista e un guitarrista que farán algunha peza nova ademais das cantigas propias do Apalpador. Lembrou que as actuacións buscarán fomentar o amor pola lingua galega e o coidado do medio ambiente, xa que "as mensaxes cantadas e tocadas reálzanse e chegan máis e a xente fica máis impresionada".
PAPA NOEL ADIANTA A SÚA CHEGADA A VILAGARCÍA
A chegada de Papa Noel organizada polo Concello de Vilagarcía para a xornada do 24 de decembro, adiántase a este sábado 18, debido ás intensas chuvias previstas para o día de Noiteboa.
Papa Noel percorrerá as rúas da cidade dentro dunha enorme bola de cristal chea de neve, representando unha típica estampa invernal de Laponia, fogar deste entrañable personaxe.
O pasarrúas "Snow Ball", que tamén contará cunha divertida e alegre animación musical, partirá ás 18.30 horas da Praza da II República para percorrer as rúas do centro da cidade. No seu itinerario fará paradas na Praza da Independencia e na Praza de España, para que os nenos poidan gozar da actividade con maior detemento e tamén para contribuír á dinamizar o Mercado de Nadal. A actividade do "Snow Ball" ten unha duración aproximada de algo máis de 1 hora, e rematará de novo na Praza da II República.
Relacionadas:
-
Máis de 7.000 persoas recibiron a visita do Apalpador este Nadal
Por Redacción |
-
Coas vacacións escolares, chegan concertos e espectáculos para o Nadal dos máis pequenos
Por Redacción |
-
85 establecementos comerciais participan no Conto de Nadal de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O concurso de escaparates de Nadal capta a 76 comercios de Pontevedra
Por Redacción |
-
Endurecen as restricións en eventos do Nadal: prohibidos os cócteles de pé e aperitivos
Por Redacción |