As carpas de Engado Marín abren as súas portas na Alameda e o Parque Eguren
Por Oskar Viéitez
Xa abriron as carpas Engado Marín, cheas de actividades para todas as idades coas que desfrutar durante os días de vacacións.
Están instaladas na Alameda e no Parque Eguren. A da Alameda, destinada a público infantil e a carpa do Parque Eguren, pensada para rapaces a partir de 12 anos.
A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, avanzou que en ambos casos "haberá un estrito protocolo da Covid19 para poder garantir que estas actividades se desenvolvan con toda a seguridade".
A carpa da Alameda conta cunha ludoteca, hinchables de todo tipo, un espazo destinado a parque de aventura e un circuito de educación vial. Pola súa parte, a carpa do Eguren ten scape room, simuladores 3D, un circuito de drons para probar o uso destas ferramentas, cinco mesas con xogos como o Jungle Speed, o parchís, as damas ou o Jenga, billares e futbolíns.
PROTOCOLO
En ambas carpas, haI unha toma de temperatura antes de entrar, estaciones de hixiene á entrada de cada instalación con xel hidroalcohólico, limpeza de mans e protocolo estrito para todos os monitores e máquina de renovación de aire e de ozono, así como sinalización con carteles nos que se poden ler todas as medidas.
Ademais, o uso das máscaras será obrigatorio, excepto para os nenos de menos de seis anos que vaian á carpa infantil, para os que só estará recomendado. Asemade, desinfectarase o material de xeito frecuente e establecéronse aforos: 160 persoas para a carpa infantil e 200 para a do Parque Eguren. No caso da Alameda, o acceso estará restrinxido aos nenos e nenas, sen que poidan entrar familias, precisamente para poder aproveitar o aforo dispoñible e ter os grupos organizados polo amplo equipo de monitoraxe que estará ao cargo da rapazada dentro da carpa.
As quendas serán de 11.30 a 12.20, de 12.30 a 13.20, de 17.00 a 17.50, de 18.00 a 18.50, de 19.00 a 19.50 e de 20.00 a 20.50; deixando 10 minutos entre quenda e quenda para desaloxar e desinfectar.
No caso do Parque Eguren, non haberá quendas estipuladas, pero poderán establecerse no caso de que o equipo de monitores e de organización o considere preciso para velar polo cumprimento do aforo en todo momento. O horario no caso desta carpa será de 12.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas.
En ambos casos, as carpas estarán pechadas os días 25 e 1, e só abrirán pola tarde o 20, 21 e 22 de decembro.
Relacionadas:
-
Dúas toneladas de alimentos recollidas na Semana da Solidariedade de Marín
Por Redacción |
-
Marín celebrará o sábado a súa tradicional Papanoelada moteira
Por Redacción |
-
O alumeado recibe o Nadal en Marín
Por Redacción |
-
Repartirán 5.000 euros en vales de compra entre os consumidores de Marín
Por Redacción |