O Ministerio de Educación premia o proxecto de "Gastronomía Circular" do Carlos Oroza
Por Oskar Viéitez
O Ministerio de Educación ven de premiar o proxecto de innovación e investigación "Gastronomía Circular", que naceu da colaboración que levan mantendo dende hai dous cursos o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e o CIFP Hosteleria LHII de Gamarra (Vitoria-Gasteiz).
Trala primeira colaboración en materia de horta escolar e receitas tradicionais de Euskadi e Galiza iniciada no ano 2018 no Oroza propuxéronse avanzar a traballar nun proxecto conxunto intercentros onde houbera dúas grandes liñas de traballo.
Por unha banda, un proxecto de hortas escolares gastronómicas, sustentabilidade e economía circular; e por outra, un proxecto intermodular de investigación da tradición culinaria de Euskadi e Galicia ligada á utilización de produtos e materias primas con selo ou distintivo de calidade garantizada.
Co Oroza participará ademais a Fundación Galicia sustentable (Mercado de la Cosecha, pertencente á corporación Hijos de Rivera SA) que lles vai proporcionar asesoramento e soporte metodolóxico en todo o relacionado co desenvolvemento das liñas do proxecto que teñen relación cos obxectivos de desenvolvemento sostible recollidos na Axenda 2030 das Nacións Unidas.
A duración deste proxecto intercentros está pensada para os cursos 2021 a 2023.
Denominan ao proxecto "Gastronomía Circular" xa que este busca unir a gastronomía das dúas comunidades coa economía circular. Por unha banda, desenvolverán dous hortos escolares gastronómicos, transferindo o coñecemento e as experiencias adquiridas por cada centro, propondo e desenvolvendo melloras, tanto nos propios hortos, como na súa consideración como espazos docentes para concienciar ao alumnado sobre a economía circular, a compostaxe, reducir a pegada de carbono, valorar o produto local e de tempada, entre outras experiencias.
Doutra banda, desenvolverán unha investigación sobre os seus patrimonios gastronómicos, ligándoos a materias primas con selo de calidade garantido incorporándoos a receitas da tradición culinaria de ambas as comunidades potenciando o seu consumo e coñecemento entre o alumnado de tal forma que este sexa, no seu futuro profesional, o seu principal prescriptor no panorama gastronómico.
Despois de que cada centro realice a investigación e deseñe os menús que deberán ser sustentables e baseados en produtos locais e de tempada, realizarían senllos intercambios cruzados para a transferencia do coñecemento entre os centros e toda a comunidade educativa.
Relacionadas:
-
Caldas redobra a súa aposta polos hortos escolares no día mundial do Medio Ambiente
Por Redacción |
-
O Centro Carlos Oroza, exemplo de calidade do ensino de FP en Galicia para o conselleiro de Educación
Por Redacción |
-
As "receitas de avoas" que os fogóns do Carlos Oroza converten en alta cociña
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A cidade de Pontevedra xa é oficialmente candidata a Capital Española da Gastronomía 2023
Por Redacción |
-
RADIO.- Turismo gastronómico e sustentabilidade serán as dúas propostas que Pontevedra promocione en FITUR o próximo xaneiro
Por Redacción |