A Xunta promete a máxima cooperación cos concellos "para garantir un desenvolvemento eólico ordenado e sustentable"
Por Redacción
A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo este luns un encontro informativo en Pontevedra con alcaldes e representantes de municipios da provincia sobre os parques eólicos en tramitación.
Na xuntanza Paula Uría trasladoulles "a necesidade da cooperación institucional" entre a Administración autonómica e os concellos para "para garantir un desenvolvemento eólico ordenado e sustentable".
Así, tal e como lembrou a directora xeral, o obxectivo da Administración autonómica é unha "planificación ordenada" que permita achegar a "máxima seguridade xurídica aos proxectos eólicos e respectar o medio natural".
Para iso, e entre outras actuacións, a Xunta, a través da lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos do 2022, establecerá a partir do próximo mes de xaneiro unha moratoria de 18 meses para poder tramitar coas máximas garantías os expedientes que ten a Xunta nestes momentos enriba da mesa.
A lei de medidas tamén acorda unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos de poboación, pasando dos 500 metros actuais a unha distancia que se calculará multiplicando por cinco a altura do aparello, logrando así un menor impacto visual.
Paula Uría recordou que, dentro do obxectivo de levar a cabo un "desenvolvemento eólico ordenado", a Xunta está a impulsar tamén "ferramentas de transparencia, colaboración institucional e información" destinadas aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas.
Como exemplo destas iniciativas citou a rede de información provincial de proxectos eólicos, que permite que antes de proceder á exposición pública dos proxectos, se poida dar información de primeira man aos concellos nos que se teñan previsto implantar.
Ademais, o Goberno galego preparou unha guía divulgativa da tramitación dun proxecto eólico que se pode atopar na web da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, co ánimo de mellorar a información aos cidadáns sobre o proceso de tramitación dos parques eólicos.
Neste sentido, púxose en marcha unha oficina de información a propietarios de terreos para facilitarlles a información precisa sobre o método e os criterios de valoración dos terreos afectados, así como a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do solo –pódese contactar con este servizo a través do teléfono 881 122 908 ou no correo infoeolicos-propietarios.enerxia@xunta.gal–.
Relacionadas:
-
Pontevedra di "non" ao actual modelo eólico de Galicia
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Movementos para executar un proxecto eólico no Morrazo pon en alerta ao Concello e aos comuneiros de Marín
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade súmase á xornada de protesta convocada en Galicia pola Coordinadora Eólica Así Non
Por Redacción |