Cinco universitarias da provincia, galardoadas cos premios Sofía Novoa por integrar a perspectiva de xénero
Por Redacción
A sexta edición dos Premios Sofía Novoa xa conta con gañadoras. A Deputación de Pontevedra, entidade organizadora destes galardóns, premiou os traballos de Nuria Ferreiro, Carla Souto, Marta Caldas, Tania Souto e Andrea Pérez, cinco universitarias que estudan nos campus de Pontevedra e Vigo da Universidade de Vigo.
Nestes premios quérese recoñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de Fin de Grao e de Fin de Máster entre a comunidade universitaria. Os premios entregaranse nun acto previsto para o mes de xaneiro.
En Traballos Fin de Grao, os premios son de mil euros. Nuria Ferreiro (de Ponte Caldelas) lograba o premio por 'Convite ao avencer', un documento de investigación e creación, con aproximación á cultura popular, con conexións entre a antropoloxía, a etnografía, a arte contemporánea e a etnomedicina. Carla Souto (Caldas de Reis) foi recoñecida por 'A perspectiva de xénero nas aulas de educación primaria cun enfoque baseado en proxectos', neste traballo deséñanse proxectos que visibilizan as contribucións das mulleres para que se abra unha reflexión. Ambos os proxectos promoven a participación igualitaria do alumnado e a asunción de papeis non estereotipados.
En canto a Traballos Fin de Máster, os premios de mil euros foron para Marta Caldas (Pontevedra) por 'A paridade na representación política da muller nos concellos clasificados como zonas pouco poboadas da provincia de Pontevedra', cun estudo sobre a participación política feminina no ámbito local durante as eleccións de 2019, demostrando que a participación das mulleres é inferior á dos homes en 28 dos 31 municipios obxecto do estudo. Tania Souto (Vigo), pola súa banda, obtivo o premio por 'As Sensombreiro: voces silenciadas da Xeración do 27', un proxecto para achegarse á literatura das mulleres pertencentes a esta xeración.
Por último, Andrea Pérez (Cambados) obtiña un accésit de 500 euros polo seu estudo denominado 'Traballar a publicidade nas aulas con perspectiva de xénero', en que analiza como a publicidade sexista incide na sociedade e reproduce estereotipos de xénero que inflúen nos comportamentos dos escolares.
Estes premios, ademais de fomentar a igualdade, tamén queren poñer en valor a figura de Sofía Novoa, unha pedagoga viguesa que foi silenciada pola historia e que loitou para que as mulleres ocupasen os espazos públicos, ademais de ser unha das artífices dun programa educativo para permitir o acceso á educación superior de numerosas mulleres.
Relacionadas:
-
Os Premios Sofía Novoa recoñecen o compromiso coa igualdade de dúas universitarias de Pontevedra e unha de Bueu
Por Redacción |
-
Traballos de fin de grao e máster volven optar aos Premios Sofía Novoa
Por Redacción |
-
Catro egresadas do campus pontevedrés reciben os Premios Sofía Novoa
Por Redacción |
-
Talento, investigación e perspectiva de xénero na entrega dos premios Sofía Novoa
Por Redacción |
-
Ata o 15 de outubro permanece aberto o prazo para presentar traballos académicos aos Premios Sofía Novoa
Por Redacción |
-
Entrega dos Premios Sofía Novoa para traballos universitarios con perspectiva de xénero
Por Redacción |