Este mércores comeza o Plan de Tráfico de Nadal cunha recomendación: evitar a entrada á cidade por Manuel del Palacio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Desde este mércores 22 de decembro ata o domingo 9 de xaneiro estará activo o dispositivo especial de tráfico do Concello de Pontevedra con motivo das festas do Nadal. Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, explicaba este martes que o operativo é similar ao doutros anos por estas datas cando se incrementa a intensidade circulatoria con motivo das vacacións escolares, tempo de descanso e compras.
Segundo explicaba a concelleira, volverán establecerse dous aneis perimetrais para desviar o tráfico no caso de que sexa necesario para evitar concentracións de vehículos no centro da cidade. Indicou que se manterá un contacto permanente cos aparcamentos privados para controlar o nivel de aforo e actuar con previsión coa presenza de axentes da Policía local en puntos crave para regular o tráfico.
Neste sentido, José Manuel Duarte, xefe da Policía Local, informaba de que haberá doce axentes en quenda de mañá e de tarde reforzando o servizo habitual. Está prevista unha presenza practicamente continua de axentes na contorna de María Vitoria Moreno e Manuel del Palacio, zona que acolle un importante número de vehículos tras o peche da avenida Raíña Vitoria e coa asistencia aos puntos de vacinación no edificio administrativo da Xunta en Campolongo. Para regular os tráficos tamén se presentará especial atención desde a central da Xefatura desde onde se controlan os semáforos e a capacidade dos aparcamentos.
O anel primario, que ofrece acceso directo á zona do centro e absorbe o excedente do tráfico que se produce nesa zona. O obxectivo é que a circulación sexa fluída por este espazo que vai desde Xosé Malvar, avenida de Bos Aires, Corbaceiras, Manuel do Palacio, Eduardo Pondal e 12 de novembro.
No centro, a zona de Barcelos é a que pode presentar retencións debido á entrada ao aparcadoiro. Eva Vilaverde indicou que haberá especial coidado. Se se producen retencións, os vehículos derivaranse a Xosé Malvar ou se cortaría o tránsito na ponte de Santiago no caso de que afecta á avenida de Bos aires.
Tamén en Sagasta nos cruces con Benito Corbal e con Castelao realizarase un control permanente para evitar colapsos con posibilidade de acometer cortes nos accesos. Outro dos puntos problemáticos preséntase en Padre Amoedo coa ponte de Santiago onde se estudarán cortes de xiros e cambios nos ciclos semafóricos en caso de exceso de tráfico.
Xa na zona este de entrada, tamén se teme un incremento de circulación rodada en Xosé Malvar coa Rúa da Seca e a concelleira anunciou a presenza de axentes, se era necesario, na rotonda de Camiño Vello de Castela. Tamén haberá control na ponte dos Tirantes con Xosé Malvar.
En caso de aglomeracións en Eduardo Pondal, poderíase cortar Teixoeira para que circule o tráfico por 12 de novembro, dependendo dos tráficos. O punto conflitivo de Eduardo Pondal con Uxío Novoneyra, que Eva Vilaverde recoñece que é habitual, en horas punta poderíase cortar o xiro dos coches procedentes da praza de Galicia cara a Uxío Novoneyra. Sinalou que ultimamente se atopa regulado, pero ese corte sería unha opción no caso de que se rexistre un aumento de turismos.
No punto oeste, nos puntos conflitivos da entrada da ponte da Barca e Paseo de Colón prestarase atención para controlar eses fluxos de coches previstos con motivo de que se produzan colas nos aparcadoiros.
En relación con Manuel del Palacio, a concelleira recomendou que se evite a entrada por esa vía, sobre todo en horas punta: primeira hora da mañá e mediodía. En lugar de realizar esa entrada, pediu aos condutores que circulen polo tramo da AP-9 para saír en Josefina Arruti ou que accedan pola zona norte.
Na zona sur, na rotonda da estación de trens, espérase maior circulación os días 23 e 30, día do espectador nos cinemas de Vialia. Para evitar que se bloquee esa rotonda, pecharíase a entrada ao aparcadoiro e mesmo pechar o acceso a Otero Pedrayo por Conde Bugallal. Na rotonda de Josefina Arruti, se se rexistran atascos, estableceríanse conos para que poidan saír os vehículos da avenida de Vigo.
Na zona Norte, tamén se realizará un control da capacidade do aparcadoiro Zona Monumental para que flúa o tráfico que circula por este anel primario, ademais da rotonda de Santiago, para ofrecer saída cara a Alexandre Bóveda ou cara á avenida de Uruguai, dependendo dos tráficos.
En relación coa ponte das Correntes espérase carga de tráfico de 13.00 a 15.00 horas e de 18.00 a 20.30 horas. Haberá controis semafóricos e presenza de axentes.
As datas máis conflitivas, segundo avanzou Eva Vilaverde, serán os días 23, 24, 30, 31 e do 27 de decembro ao 2 de xaneiro por adianto de rebaixas e o mércores 5 pola tarde ao unirse a Cabalgata de Reis coas compras de última hora.
A responsable municipal sinalou que a principal recomendación é que se evite acceder ao centro de Pontevedra con coche e que a poboación camiñe para gozar das festas sen problemas de tráfico.
Relacionadas:
-
Non houbo "grandes incidencias" no tráfico durante o Nadal, segundo o Concello
Por Alejandro Espiño |
-
Inicio descafeinado das rebaixas, con colas tan só nalgunhas tendas e moitos cambios de Reis
Por Natalia Puga |
-
Coas vacacións escolares, chegan concertos e espectáculos para o Nadal dos máis pequenos
Por Redacción |
-
A Policía Local detecta catro condutores que consumiran estupefacientes e seis con exceso de alcohol
Por Redacción |
-
"Non nos van a deter porque o peche de Raíña Vitoria é arbitrario e unilateral"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra seguirá limitando o tráfico para crear zonas de baixas emisións
Por Alejandro Espiño |