Os estropallos ecolóxicos feitos en Caldas que son únicos en todo o mundo
Por Alejandro Espiño
Cando José Manuel Mascato empezou a cultivar luffa, unha planta cucurbitácea similar a unha cabaciña, para elaborar estropallos de orixe vexetal "ninguén cría no que estabamos a facer". A súa saída ao mercado, recoñece, "foi un desastre total".
Pero agora, doce anos despois, en pleno 'boom' da produción ecolóxica, presumen dun produto "único no mundo" que só eles poden comercializar na Unión Europea, China, Canadá e, moi pronto, tamén en Estados Unidos como acreditan as patentes que conseguiron.
Todo cambiou cunha simple e significativa frase, recoñece a PontevedraViva este empresario pontevedrés. "Cando se empezou a dicir que o plástico contamina foi nosa salvación", explica. "Nós xa tiñamos todo o traballo feito para certificar que eramos ecolóxicos".
E é que, como sinala o impulsor deste innovador proxecto, a maioría de esponxas e estropallos levan materiais sintéticos que, co uso, vanse desgastando "e soltan polo desaugadoiro microplásticos que acaban no mar". Todo o contrario que os seus.
A empresa agroforestal deste galego, Ibérica de Esponjas Vegetales, conta con plantacións en Caldas de Reis, Portugal, Colombia e Exipto, de onde se extrae as fibras vexetais para esponxas de uso cosmético e estropallos de cociña.
"Ao principio foi unha idea para ver se podía ser viable elaborar os estropallos con luffa porque a planta era moi pequena e non daba para nada", lembra Mascato. Pero eles optaron por cruzar diferentes variedades desta planta para aumentar o seu tamaño e a calidade da súa fibra.
Así, os froitos desta planta, que hai miles de anos "xa se utilizaban para a exfoliación e a limpeza en xeral", pasaron de tres quilos a preto de catorce, un tamaño que permite que, tras un laborioso proceso de fermentación e secado, acaben convertidos en estropallos.
A pulpa interna da luffa, durante toda esta fase de tratamento, vaise deshidratando e transformándose en fibra. Unha vez madurado, cultívase, pélase, quítanse as sementes e déixase secar. Así se extraen as fibras, que logo se tratan con auga termal a 43 graos.
Tras clasificar o material segundo o uso que vaia a ter, córtase mediante ferros e acúñase con diferentes tipos de moldes. Todo iso, segundo o seu responsable, de maneira artesanal e sen empregar ningún tipo de produto químico porque "nin podemos nin queremos facelo".
"Non tería moito sentido que para crear un produto ecolóxico xeres unha contaminación tremenda", asegura Juan Carlos Mascato, que subliña que ao facer todos os procesos de maneira manual "non creamos impacto ambiental nin enerxético".
Da súa plantación en Caldas de Reis saen unhas 4.000 plantas á semana destinadas a crear estropallos e esponxas ecolóxicas que, cando acaban a súa vida útil, "podes tiralos ao chan e podrecen xerando compost porque son 100% orgánicos".
De feito, o 20% da súa produción -descartes da fabricación dos seus produtos- acaba como abono natural ou, como desvela Mascato, en mans dunha empresa portuguesa que a compra como fibra vexetal de recheo para a súa liña de sofás ecolóxicos.
A empresa traballa agora no seu plan de expansión. En marzo esperan inaugurar unhas novas instalacións que lles permitan satisfacer a crecente demanda que lles esixen desde os cinco continentes, ampliando en ata un centenar os seus postos de traballo actuais.
Outra das súas liñas de traballo céntrase no ensaio de cultivos ao redor do mundo, desde América do Sur a África central, e en abrir novas liñas de investigación relacionadas coa medicina tras descubrir que unha das súas variedades de luffa produce quinina, un composto cunha alta biocompatibilidade co sangue "que nos abre horizontes moi interesantes".
Iso si, Mascato defende que o arraigamento a Galicia deste proxecto empresarial "é fundamental" e avanza que, aínda que xa lle propuxeron comprar a súa patente, "non hai prezo posible" polo que "o que temos que facer agora é consolidarnos onde estamos".