As celebracións de Nadal desbocan a realización de probas PCR con colas que rodean o Hospital
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Coa chegada de Noiteboa e Nadal, as colas ao redor do Hospital Provincial incrementáronse coa presenza de cidadáns que queren realizar unha proba PCR sen cita no punto instalado no aparcamento lateral. Este mércores, as persoas rodeaban o recinto hospitalario prolongándose polas rúas Loureiro Crespo, Cobián Areal, Joaquín Costa e Antón Fraguas.
Segundo indican desde a xerencia da área sanitaria, desde que este punto abriuse en horario de mañá e de tarde están a realizarse máis de mil probas PCR ao día. En canto aos resultados, a positividade aumenta cada día. Durante as últimas xornadas sempre é superior ao 10%, o que significa que un de cada dez asistentes ao punto do Provincial ofrece resultado positivo.
Desde a xerencia congratúlanse con esta iniciativa porque cada positivo asintomático que se detecta a través destas probas pasa a ser nunha cadea de transmisión que se corta ou nun gromo nun sector de poboación que se evita.
En todo caso, tamén lembran á cidadanía que o horario establecido é de 10.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 20.00 horas, co descanso que corresponda para os profesionais sanitarios que atenden á poboación nese punto. Ademais, sinalan que o laboratorio de Microbioloxía tamén dispón dunha capacidade limitada para ofrecer os resultados. Por este motivo, desde a área sanitaria piden colaboración e comprensión á poboación asistente, ademais de respecto para as persoas que desenvolven este traballo.
PREVISIÓNS DE VACINACIÓN
Juan Vázquez, coordinador da campaña de vacinación en Pontevedra e O Salnés, anunciaba este mércores que, na tarde deste mércores, se vacinarán menores de 12 anos que non puideron acudir a semana pasada á cita, ademais doutros que entraron en campaña durante esta semana. Explicou que haberá axendas abertas para autocita e cita de repesca durante as xornadas deste mércores e do xoves 23, tanto no edificio da Xunta en Campolongo como no Hospital do Salnés.
Esta semana tamén continúan inoculando a terceira dose a adultos, con idades comprendidas entre os 50 e os 59 anos, e con axendas de repesca da franxa entre 60 e 69 anos no edificio da Xunta e na Comandancia da Mariña en Vilagarcía.
Durante a xornada do venres 24, día de Noiteboa, só haberá atención na quenda de mañá nos recintos de Campolongo e no edificio da Comandancia da Mariña no distrito do Salnés. Durante a fin de semana non se programarán vacinacións.
O luns 27 iniciarase a aplicación das doses de reforzo en poboación con idades de entre 40 e 49 anos. Realizarase ao longo de toda a semana, de luns a xoves en dobre quenda. O día 31 só vai atenderse durante a mañá, entre as 09.00 e as 15.00 horas. Ademais, Vázquez sinala que seguirán realizando campañas de repesca paa aquelas persoas que non puideron acudir á cita programada en semanas anteriores.
Relacionadas:
-
Motivos dispares para facerse unha PCR
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Centos de persoas acoden a facerse unha PCR no día de Noiteboa
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Os viaxeiros que cheguen a Pontevedra en tren poderán facer probas covid na estación
Por Redacción |
-
Contaxios a ritmo de récord con 359 novos positivos por covid e 2.840 casos activos na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
A vítima 221 con covid na área sanitaria é un home de 90 anos
Por Redacción |
-
A sexta onda eleva a 2.575 os casos activos de coronavirus en Pontevedra e O Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Sanidade notifica dous falecementos de pacientes de máis de 90 anos con covid na área sanitaria
Por Redacción |
-
A terceira dose contra a covid-19 agarda xa aos galegos de 40 a 49 anos
Por Alejandro Espiño |
-
"Está a reducirse a actividade cirúrxica" ante a alta ocupación da UCI de Montecelo
Por Diego Espiño |