Santa Clara e o Campo da Torre, próximas actuacións da reforma urbana de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Os barrios de Santa Clara e o Campo da Torre serán as próximas zonas da cidade en cambiar o seu aspecto. Son dúas das principais obras de reforma urbana que executará o Concello de Pontevedra durante o ano que vén. Ambas actuacións, que contan cun orzamento global de 1,9 millóns de euros, serán presentadas aos veciños durante unha serie de reunións que se celebrarán a próxima semana.
Os proxectos, que están en fase de elaboración desde hai uns meses, están a piques de completarse por parte do servizo municipal de arquitectura. No seu proceso de redación xa se celebraron varios encontros e visitas á zona para tomar decisións sobre algunhas cuestións concretas.
"Cremos que a concellería debe fixar o trazo gordo das actuacións, en función das necesidades existentes, pero sen renunciar a unha marxe de flexibilidade para acoller suxestións e propostas que non vaian contra o espírito dos proxectos", explicou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, quen espera que os veciños acollan este proxecto cos brazos abertos.
Recorda que o investimento vai supoñer unha importante mellora na calidade urbana dos habitantes destas dúas zonas. "Será un cambio moi importante para dúas zonas cheas de recunchos que nunca foron planificadas axeitadamente e nos que impera certo caos, tanto na concepción das beirarrúas, como dos propios aparcamentos, que se realizan de xeito desordenado", indicou o edil socialista.
Entre as liñas xenéricas do proxecto, o Concello destaca que haberá un equilibrio entre o tránsito rodado e os peóns, "dando maior protagonismo aos peóns e aos espazos de convivencia, pero sen optar por unha prohibición absoluta do tráfico"; intentarase manter as prazas de aparcamento; enxalzarase o patrimonio histórico-artístico, realzando o convento de Santa Clara e a praza de touros; renovaranse por completo todos os servizos e canalizacións e aproveitarase, na medida do posible, o mobiliario urbano que estea en bo estado.