Tanatorio San Marcos, Distribuciones Froiz e Matriuska Producciones colaboran na inserción laboral de persoas de Down Xuntos
Por Redacción
Down Pontevedra Xuntos mostra a súa satisfacción cos resultados do último trimestre deste 2021 do programa Emprego con Apoio que a entidade desenvolve para inserción laboral de persoas usuarias da asociación en colaboración coas empresas da cidade, que valoran as capacidades das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais para realizar unha actividade profesional nas súas compañías.
Tanatorio San Marcos colabora por primeira vez coa contratación de Cecilia de los Santos como auxiliar de servizos funerarios durante un período dun ano. Cecilia, usuaria de Down Xuntos, compaxina este traballo con outro como ordenanza na empresa Coworking Espazo Arroelo, que desenvolve desde fai cinco anos e xa é indefinida.
Distribuciones Froiz colabora desde o inicio do programa de emprego no ano 2004 con este colectivo e contratou a dúas persoas da entidade para esta campaña do Nadal. José Carlos Martínez e Helga García realizan labores de persoal de almacen elaborando cestas para estas festas.
Ambos se mostran moi contentos con este traballo e "agradecen a oportunidade e o apoio recibido". Destacan o "bo compañeirismo" e Helga García afirma que botará de menos o traballo cando finalice a campaña.
A produtora de cinema Matriuska Producciones, que tamén colaborara con este proxecto, incorporou ao seu equipo a Verónica Rosales para desempeñar o posto de auxiliar de produción realizando tarefas de apoio á secretaria de produción. Tivo a oportunidade de participar en tarefas organizativas do Festival Novos Cinemas.
Desde a asociación sinalan que estes traballos son temporais e iso complica que as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poidan desenvolver un proxecto de vida a longo prazo. Este 2021 resultou produtivo en relación á empregabilidade porque 16 das 21 persoas usuarias do programa contaron cunha oportunidade laboral e en oito casos tratábase dunha nova contratación. Tamén se asinaron dúas prórrogas contractuais. Ademais, sumáronse 21 empresas colaboradoras a este programa.
Relacionadas:
-
'#NoSomosUnEstereotipo, somos mucho más',' a campaña para combater os prexuízos das persoas con síndrome de Down
Por Alba Feijoo Alonso |
-
A música, ferramenta para a inclusión de rapaces con síndrome de Down
Por Redacción |
-
Xuntos Asociación de Síndrome de Down presenta á Xunta un plan de empoderamento de mulleres con discapacidade intelectual
Por Redacción |
-
Demandan unha adaptación da idade de xubilación para as persoas con síndrome de Down
Por Redacción |