O Nadal enche de luz e actividade o Pazo municipal de Barro
Por Redacción
O Pazo municipal de Barro volve encherse de luz e de actividade, sendo o epicentro do Nadal no concello.
Desde a tarde do mércores, co encendido do alumeado, as instalacións quedaron abertas ao público e toda a veciñanza pode gozar da ambientación e das actividades programadas para todos os públicos.
Os eventos no Pazo serán con aforos limitados e para asistir será preciso retirar previamente os convites na biblioteca pública. Ademais, o uso da máscara será obrigatoria en todo o recinto, así como tamén será obrigatorio manter a distancia de seguridade.
O Goberno municipal elaborou unha "ambiciosa programación cultural", para a que contou un ano máis con entidades e artistas locais, "para dar a coñecer o importante labor que estas entidades e artistas realizan". A programación completouse con outras actuacións para todos os públicos, onde destacan Magín Blanco ou a compañía de teatro Ghazafelhos, con sendos espectáculos infantís.
As crianzas ademais poderán gozar de Papá Noel, que as recibirá tanto no Pazo como nas parroquias, a través das que fará un percorrido o día 24 para saudar e escoitar as peticións de última hora. Os Reis Magos, por causa da situación sanitaria, este ano tamén farán un percorrido por distintos lugares das parroquias o día 5.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, móstrase moi satisfeito "polo gran labor que levaron a cabo un grupo de veciñas e veciños de forma voluntaria, a quen lle agradecemos moito as horas de traballo que dedicaron a que todo lucira de forma espectacular".
Abraldes recalca ademais, "elaboramos unha programación para todas as familias, que estará marcada por estritos protocolos de seguridade, xa que o máis importante neste momento é extremar as medidas de seguridade para evitar que se propague a enfermidade, ao mesmo tempo que permitimos que as nenas e nenos do concello gocen da ilusión do Nadal".