Unha empresa de Pontevedra e outra de Portugal, man a man na rehabilitación da casa consistorial
Por Redacción
A UTE formada pola compañía pontevedresa Construcciones Ramírez e a portuguesa Revivis será a encargada de executar a rehabilitación integral da antiga casa consistorial da Praza de España. Por ese traballo recibirán 1.350.486 euros, segundo informa o Concello.
A súa foi a oferta mellor valorada entre as tres recibidas durante o proceso de licitación. A mesa de contratación, logo de examinar os técnicos cada unha das diferentes propostas presentadas, concluíu que a unión temporal Ramírez-Revivis era a mellor opción.
A empresa pontevedresa, destaca o goberno municipal, é ben coñecida polo seu traballo ao longo das décadas, tanto na cidade como fóra, con actuacións sinaladas como a reforma do edificio administrativo de Michelena, o Pazo de Quintans ou o edificio da Xunta en Benito Corbal.
Pola súa banda, Revivis conta cun recoñecemento internacional polos seus labores de restauración e rehabilitación, sendo algúns dos seus proxectos o Palácio S. Marcos, en Coimbra; o convento de S. Paulo, en Setubal; ou a Santa Casa da Misericórdia de Lisboa.
O Concello iniciou o proceso de contratación para a renovación e reforma da casa consistorial o pasado 15 de novembro, co obxectivo de recuperar un dos edificios máis emblemáticos e simbólicos da cidade para a cidadanía.
A casa consistorial pasará a ser un espazo de convivencia social para toda a veciñanza, moderno e accesible, cunha funcionalidade múltiple, alén dos seus usos institucionais.
O proxecto terá un prazo de execución de doce meses, que comezará a contar no momento do inicio de obra.
Relacionadas:
-
Así avanzan as obras do Casa Consistorial coa intención de que o pregón das Festas da Peregrina se lea desde o balcón
Por Juan Manuel García Tajes & Anxo Lourido |
-
A reforma da casa consistorial revela partes ocultas da estrutura orixinal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A impactante luz do edificio de Sesmero que as reformas da Casa Consistorial ocultou
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A rehabilitación da casa consistorial interesa a tres empresas
Por Redacción |
-
O goberno provincial aproba o convenio para a rehabilitación interior da casa consistorial
Por Oskar Viéitez |
-
A antiga casa consistorial recibe a visita das empresas interesadas en asumir a súa reforma
Por Mónica Patxot & Redacción |