Mobilización social en Cotobade fronte ao Parque Eólico dos Cotos
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mobilizou a comunidades de montes, voceiros municipais e veciñanza para presentar toda unha serie de actuacións que van desde a presentación de alegacións ata unha manifestación de protesta ante a resolución que publica este xoves o DOG pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, proxecto sectorial (de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública das instalacións do Parque Eólico dos Cotos.
Este proxecto eólico que se aprobou no 2010, sufriu un cambio substancial na súa concepción polo que sae agora a exposición pública, pero conta coa total oposición da veciñanza expresada en varias asembleas celebradas nas distintas parroquias afectadas polo Parque Eólico e que tamén ten o rexeitamento do Concello de Cerdedo-Cotobade expresado a través de varios acordos plenarios.
Así, o alcalde, Jorge Cubela, convocou para o vindeiro luns ás 14 horas a Xunta de Voceiros Municipais para analizar este asunto e consensuar as accións que se levarán a cabo de xeito combinado entre o Concello, as comunidades de montes e as persoas que se sintan especialmente afectadas pola implantación deste parque eólico.
Entre as medidas inmediatas tomadas polo alcalde, ademais de convocar a Xunta de Voceiros Municipais, está unha reunión de traballo coas comunidades de montes de Borela, Carballedo, Rebordelo e Loureiro para intercambiar pareceres e a toma de decisións consensuadas para facer fronte a este proxecto eólico.
Ademais, o alcalde decidiu contratar de novo os servizos da empresa Tysgal, especializada en temas medioambientais, coa que xa contou en ocasións anteriores para presentar alegacións, por exemplo, no desbotado parque eólico Rula.
Jorge Cubela manifestou o seu rexeitamento a este proxecto eólico e indicou que "nós témolo moi claro e iremos sempre da man dos veciños neste tema polo que non descartamos que teñamos que convocar unha manifestación nalgunha das parroquias afectadas por este parque eólico porque o que está claro é que non imos quedar parados ante un proxecto que levanta gran controversia e rexeitamento social e que consideramos unha agresión para os intereses dos veciños e dos lugares do noso concello".
Tamén o voceiro do grupo municipal do BNG, Ernesto Filgueira, dixo que "este proxecto atenta contra a nosa riqueza medioambiental, contra a calidade de vida da nosa veciñanza e non repercute en beneficios para a nosa veciñanza, polo que desde o BNG estamos fartas e fartos do abuso das eólicas e da súa conivencia co PP".
O BNG anuncia que presentará alegacións, ao igual que fixeron coas anteriores, "e abogamos por unha enerxía xusta, sustentable e galega". Ernesto Filgueira fai un chamamento ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, para que "utilice todos os medios a disposición do concello para frear esta agresión ao noso medio natural e ao benestar dos veciños e veciñas".
Relacionadas:
-
Discusión entre os gobernos de Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas polo proxecto de parque éolico dos Cotos
Por Redacción |
-
Queixas do PSOE pola "mala fe" da Xunta ao abrir as alegacións ao parque eólico dos Cotos o día de Noiteboa
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade coinciden no seu rexeitamento ao proxecto eólico dos Cotos
Por Redacción |
-
A mobilización contra o Parque Eólico dos Cotos será o domingo 9 en Carballedo
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O BNG insta á Xunta a paralizar o parque eólico dos Cotos
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Ponte Caldelas informará desfavorablemente ó Parque Eólico dos Cotos
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade súmase á xornada de protesta convocada en Galicia pola Coordinadora Eólica Así Non
Por Redacción |