Centos de persoas acoden a facerse unha PCR no día de Noiteboa
Por Mónica Patxot & María José Pita
Neste día de Noiteboa, media hora antes do horario oficial de apertura dos puntos para facerse unha proba PCR sen cita previa no aparcamento lateral do Hospital Provincial, comezaban as primeiras tomas de mostras.
Ás 9:30 entraban os primeiros cidadáns que, segundo explicaban a PontevedraViva, apenas levaban uns trinta minutos de agarda, nada que ver coa xornada anterior na que a primeira persoa que accedeu a facerse unha PCR, tamén media antes do horario de apertura oficial, levaba agardando desde as 7:30 horas da mañá.
Tres postos de administración tomaban os datos aos cidadáns para derivalos a un dos dous puntos de toma de mostras: un para persoas que se achegan sen cita previa e un segundo punto, ao fondo do aparcadoiro, para aqueles que foran convocados para facerse unha PCR por indicación do seu médico.
Neste último caso, a xerencia da área sanitaria insiste en que non poden acudir a este punto PCR sen cita aquelas persoas que presenten síntomas ou teñan un resultado positivo dun test de antíxenos.
Nunha primeira estimación, ás 9:30 horas deste día 24 de decembro había unhas 200 persoas agardando nunha ringleira que se movía a un bo ritmo, baixo unha chuvia por momentos intensa.
A cola no momento da apertura dos postos de PCR dobraba a esquina da fachada principal do Hospital Provincial e chegaba ata o principio da rúa Concepción Arenal, máis ou menos á altura de onde estaba situado o supermercado Eroski, recentemente pechado, na beirarrúa de enfronte.
Este día de Noiteboa, o punto de PCR do Hospital Provincial mantén o seu horario de mañá e tarde: de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 20:00. Seguirá funcionando durante a fin de semana pero con horario só de mañá. De tal xeito, o día de Nadal e o domingo 26 de decembro abrirá de 10:00 a 14:00 horas.
Relacionadas:
-
Motivos dispares para facerse unha PCR
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Que xoguetes deixou Papá Noel nos fogares pontevedreses?
Por Redacción |
-
Os viaxeiros que cheguen a Pontevedra en tren poderán facer probas covid na estación
Por Redacción |
-
As celebracións de Nadal desbocan a realización de probas PCR con colas que rodean o Hospital
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Seguen as longas colas no Hospital Provincial para facer unha PCR
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Amplían o horario de atención para realizar probas PCR sen cita no lateral do Hospital Provincial
Por Redacción |