Motivos dispares para facerse unha PCR
Por Mónica Patxot & María José Pita
A xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés agradecía esta semana ás persoas que se achegan aos puntos habilitados para realizar unha PCR sen cita previa esta boa disposición, xa que se trata dunha proba preventiva que evita que un individuo infectado por covid-19 sen sabelo poida contaxiar a outras moitas persoas.
"Por seguridade" parece ser unha das razóns máis habituais para pasar por unha proba PCR sen cita previa, como as que se veñen facendo nas últimas dúas semanas no aparcadoiro lateral do Hospital Provincial de Pontevedra. Para coñecer as motivacións concretas de varios cidadáns, en PontevedraViva preguntamos a algúns dos que agardaban na cola xusto na xornada de inicio das celebracións de Nadal nos puntos habilitados no centro hospitalario pontevedrés, con entrada desde a rúa Loureiro Crespo.
Javier B. vén desde a parroquia pontevedresa de Marcón e "o meu motivo é porque a miña filla deu positivo". Acompañado pola súa muller, ambos encamiñábanse ata o punto de cita previa, derivados polo seu médico, coa tranquilidade de que non tiñan síntomas e de que no mesmo día saberían o resultado da proba. O que si é seguro é que a súa filla pasará este Nadal confinada na súa habitación, a dúbida é como será a loxística dos catro membros que compoñen esta unidade familiar no caso de darse outro positivo, aínda que confían en que isto non se produza.
"Por seguridade, basicamente para non contaxiar á miña familia", sinala Alba A., que habitualmente reside en Madrid e vén ao Grove para pasar as festas coa familia. Calcula que compartirá mesa con entre 7 ou 8 persoas, se é que a PCR sae negativa, resultado que agarda que así sexa. Desde a localidade do Salnés chegou a Pontevedra moi madrugadora e ás 8:00 xa se atopaba nos primeiros postos da cola para que lle tomasen a mostra, tanto a ela como á súa nai.
Un gran número de persoas que se achegaban a facer a proba PCR sen cita previa facíano en compaña, en pequenos grupos familiares. Como foi o caso tamén de Gregorio Z. e o seu neto Iago C., que acudían ata o punto Covid sen cita previa desde Pontevedra cidade. "Eu vin máis ben por el", declara o avó, "como está no colexio e cre que houbo un neno con coronavirus, veño por eso, por seguridade del". Pola súa banda, o neto afirma que "non teño síntomas, estou ben", así que agarda que a proba saia negativa. Mesmo neste caso, coa situación actual da pandemia, esta familia vai estender as precaucións á todas as celebracións destas festas nas que "nós imos ser tres solos, porque non quere a familia xuntarse, os abuelos e un fillo, o neto estará con seus pais", puntualiza Gregorio.
"Unha amiga dela deu positivo onte, vimos para confirmar ou non, porque aínda que tuveron precaucións con mascarilla e todo, pero bueno, por se acaso", manifesta Fran F. en relación a Lía F., a súa filla, coa que acudiu camiñando tamén desde a propia cidade do Lérez para facer cola desde as 8:10 da mañá. Ela afirma sentirse ben, sen síntoma ningún pero quere asegurarse de que non existe contaxio, xa que agardan xuntarse dez persoas nas diferentes celebracións de Nadal.
Relacionadas:
-
Feijóo anuncia "medidas proporcionadas" para reducir a interacción social en Fin de Ano
Por Alejandro Espiño |
-
Nova morte dun paciente con covid en Montecelo, un home de 75 anos
Por Redacción |
-
3.245 casos activos na nosa área sanitaria, confirmados 360 novos desde onte
Por Oskar Viéitez |
-
Falece un home de 81 anos con covid en Montecelo, a oitava vítima nunha semana tráxica
Por Redacción |
-
Centos de persoas acoden a facerse unha PCR no día de Noiteboa
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
As celebracións de Nadal desbocan a realización de probas PCR con colas que rodean o Hospital
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Seguen as longas colas no Hospital Provincial para facer unha PCR
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Amplían o horario de atención para realizar probas PCR sen cita no lateral do Hospital Provincial
Por Redacción |