Unha comuna de maiores que constrúe un edificio onde envellecer xuntos
Por Oskar Viéitez
"Cando nos xubilemos deberiamos irnos a vivir xuntos", é unha idea que xorde con frecuencia nas reunións de amigos e que se empeza a levar á práctica en Galicia, onde máis de 278.000 persoas de máis de 65 anos viven soas. É un concepto bastante común noutros paises europeos que coñecen esta fórmula co nome de "cohousing senior" ou "modelo andel".
Trátase dunha comunidade de persoas que conviven nun mesmo conxunto residencial baixo unha fórmula colaborativa compartindo recursos como a limpeza, a atención sanitaria, servizos de comidas, entre outros.
É unha alternativa para aquelas persoas maiores que sexan autónomas ou cun grao de dependencia leve e que non queren estar sós nos seus pisos nin nunha residencia da terceira idade e desexen vivir unha xubilación activa compartida con xente que teña unha forma de ver a vida similar.
Na nosa contorna atopamos algúns exemplos, como a cooperativa Ancoradoiro que proxecta a construción dun inmoble no que os socios reciben a cesión de uso e que funcionaría baixo un réxime democrático de autogestión.
En Sanxenxo promoven o Cohousing Con da Romaíña Sociedade Cooperativa Galega con 70 vivendas e dotado de equipamentos e estancias comúns.
Tamén a Xunta ten previsto crear catro proxectos de "cohousing" en aldeas abandonadas para 300 maiores.
Os promotores deste tipo de iniciativas coinciden en sinalar que sacar adiante proxectos de "cohousing" é moi lento polas trabas burocráticas, a falta de chan dispoñible, os problemas de financiamento e o descoñecemento xeral cara a este tipo de iniciativas nun país no que non está implantada a cultura do común.
En Galicia, a Consellería de Política Social espera aprobar en breve a primeira normativa galega de cohousing, segundo anunciou o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González, durante unha comparecencia en comisión parlamentaria.
Estes pequenos núcleos de convivencia integraranse no que a Consellería denomina "novo modelo de coidados", garantindo a "autonomía de vida" das persoas que seguirán vivindo dentro das súas contornas, "pero con seguridade, benestar e un seguimento profesional".