O novo Bus Urbano de Pontevedra seguiu a medrar en uso e viaxeiros durante o mes de novembro
Por Redacción
Os datos de novembro facilitados pola empresa de transportes responsable do novo Bus Urbano de Pontevedra amosan un crecemento positivo no uso das novas liñas instauradas na cidade.
En total, ao longo do pasado mes foron realizadas 22.234 viaxes entre os dous trazados.
Á hora de desagregar os datos, a liña 1 (Estación-Xunqueira-Monte Porreiro) pasou de 10.450 viaxeiros a 10.976.
Pola súa banda, a Liña 2 (Praza de Galicia-Montecelo-Monte Porreiro) experimentou un aumento das viaxes moito máis notable, de 9.179 a 11.258, o que deriva nun aumento do 22,75 %.
O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, asegura que estes datos "dificilmente poden ser máis positivos al ver como continúa aumentando o uso do transporte público en Pontevedra, do mesmo xeito que fixo no mes de outubro. A partir de agora, haberá que ver como segue a evolucionar, chegar aos niveis prepandemia e mesmo superalos, pero para iso precísase tempo, como pasa en calquera liña que se poña en funcionamento no mundo".
Gómez tamén quixo destacar que os datos da Boa Vila seguen a estar por riba da media estatal e da media galega, polo que queda demostrado que as liñas "están ben deseñadas e responden ás necesidades da cidade e dun concello coma o noso". "Non é que sexa todo perfecto, non está todo rematado e queda traballo por facer; mais este traballo inicial foi ben feito entre todos e todas", finalizou o edil.
Doutra banda, o uso das tarxetas —obrigatorias para poder ter acceso aos descontos nas viaxes reiteradas— aumentou en case un 18 %, o que ofrece unha visión positiva no coñecemento, cada vez maior, que ten a veciñanza deste novo transporte urbano. A venda de billetes individuais tamén aumentou un 4,70 %.
Relacionadas:
-
Os bonos mensuais do bus urbano, a metade de prezo ata final de ano
Por Alejandro Espiño |
-
Queda inaugurado o AVE a Galicia, que permitirá chegar de Madrid a Pontevedra en catro horas
Por Natalia Puga |
-
A Praza de Galicia amosa xa toda a información do sistema de bus urbano de Pontevedra
Por Redacción |
-
Demetrio Gómez asegura que "as novas liñas de autobús están a funcionar ben"
Por Oskar Viéitez |