Pontevedra aprobará o 7 de xaneiro o seu orzamento municipal para 2022
Por Alejandro Espiño
As contas municipais para 2022 aprobaranse na primeira semana de xaneiro. Así o avanzou o edil de Facenda, Raimundo González, despois de que o goberno municipal dera o seu visto e prace a un orzamento que chegará ata os 85,9 millóns de euros.
En rolda de prensa, o responsable da área económica do goberno pontevedrés destacou que se trata dun orzamento "tremendamente expansivo", ao crecer uns cinco millóns (un 6,4%) con respecto ás aprobadas este ano.
González sinalou que só pola mellora dos servizos públicos que permitirán estas contas "xa se xustificaría este orzamento", pero indicou que ademais tamén aumentarán os investimentos directos, que pasan de 10,2 a 12 millóns de euros.
Entre elas, o concelleiro do BNG destacou as reformas de Barcelos, Pastor Díaz ou A Santiña, a rehabilitación da casa do concello, obras de accesibilidade en sete parroquias, o novo campo de fútbol de Salcedo ou a mellora da iluminación nas áreas rurais que faltan.
Con respecto aos servizos, Raimundo González indicou que os contratos relativos á limpeza de dependencias, recollida e xestión do lixo ou limpeza viaria pasarán de 8,2 a 12 millóns anuais, mentres que o mantemento de zonas verdes subirá a 1,2 millóns.
En ambos os casos, o incremento é de máis dun 50%, igual que o previsto para o servizo de axuda no fogar, que chegará ata os 2,6 millóns fronte aos 1,7 millóns actuais. Haberá máis diñeiro tamén para o mantemento de espazos públicos e parques forestais.
Tamén deberá aumentar a partida destinada a sufragar o custo da factura eléctrica que, con respecto a este ano, subirá uns dous millóns de euros máis.
As principais partidas de gasto volverán ser a de persoal (25,76 millóns) e a de gastos correntes (43,25 millóns), que se asumirán, a pesar da conxelación de taxas e impostos, co incremento das transferencias do Estado e da Deputación, así como cunha maior recadación procedente da revisión de padróns e a loita contra a fraude.
En materia de ingresos, por tanto, Pontevedra prevé recadar 29,88 millóns en impostos directos e outros 3,27 millóns en indirectos, así como outros 21 millóns en taxas. Do Estado chegarán 23,09 millóns e outros 7,58 millóns serán transferencias doutras entidades.
Fóra deste orzamento quedan, polo momento, proxectos en estudo con fondos europeos EDUSI ou Next Generation, así como o complexo deportivo da Parda, ata que estas iniciativas estean "maduras", ou a incorporación dos remanentes de 2021.
O goberno municipal prevé aprobar estas contas no pleno que se celebrará o 7 de xaneiro. Este mesmo luns remitirase o documento á oposición, que terá tres días para facer as alegacións que consideren oportunas.
A este respecto, desde o Partido Popular pediron a comparecencia en comisión de cada un dos concelleiros do grupo de goberno, a fin de explicar as partidas orzamentarias de cada área como unha medida encamiñada á "transparencia" na súa xestión.