Corte eléctrico en distintos puntos de Barro debido á caída dunha árbore
Por Redacción
Operarios da empresa Fenosa traballan na contorna da parroquia de Barro para tentar restablecer o servizo eléctrico no menor tempo posible.
Nas últimas horas, debido ás inclemencias do tempo e ao forte vento, unha árbore caía sobre unha liña de media tensión neste municipio. A árbore causaba danos na liña e provocou un corte no abastecemento eléctrico en diversos puntos desa parroquia afectando a residentes na zona.
Responsables da empresa eléctrica mantiñan un encontro co alcalde do Concello de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, para trasladarlle os datos deste incidente, que esperan poida ser arranxado nas próximas horas, segundo informan desde o goberno local.