15.000 euros para restaurar as portas de acceso ao Mercado de Abastos
Por Redacción
Coa intención de mellorar a imaxe e estética que presenta o Mercado de Abastos de Marín, o Concello solicitou unha subvención para a restauración das portas principais de acceso ao recinto, que ademais de ofrecer produtos alimentarios converteuse nun punto cultural, etnográfico e gastronómico, segundo indican desde o goberno local.
Está previsto que se interveña en dúas portas de cerraxería monumentais que dan acceso ás fachadas este e oeste, a través das rúas Serafín Tubío e Exército e Mariña. Son dúas portas idénticas, que presentan un estado de conservación similar, segundo recolle a memoria do proxecto. As carpinterías atópanse nun estado deficiente e presentan problemas de oxidación. Ademais a pintura de revestimento mostra mal estado, con elementos parcialmente soltos.
A proposta municipal será realizar unha tarefa previa de recuperación dos elementos danados cun repaso á soldadura dos elementos que presenten corrosión ou posibilidades de rotura durante o desmonte e traslado. Cambiaranse as bisagras actuais que sofren roturas continuas, coa consecuente dificultade de apertura.
Unha vez realizados estes traballos, desmontaranse os portais para que sexan tratados nun taller especializado. Someteranse a unha limpeza mecánica mediante chorro en seco e aplicaranse dúas capas de imprimación e un acabado de pintura co mesmo cor que presenta actualmente. O prezo da reparación ascende a 15.000 euros.