Avanza a rehabilitación das antigas vivendas dos mestres da Lama, con dúas xa rematadas
Por Redacción
O proxecto para converter as antigas vivendas dos mestres da Lama en lugar de residencia para familias con escasos recursos, en risco de exclusión ou vítimas de violencia de xénero avanza a bo ritmo. Todas elas sairán ao mercado en formato de alugueiro social.
Dúas delas, as correspondentes cos números 6 e 8 da Avenida do Concello, xa están rehabilitadas, mentres que os traballos continúan nas dúas restantes, as dos números 10 e 12 do antigo bloque escolar emprazado fronte á casa consistorial.
As obras estanse a executar cunha achega global de 144.000 euros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que se distribúen en 72.000 euros para cada un dos proxectos, que ascenden, nestas dúas fases, a 192.000 euros.
Os prazos apuntan a que as vivendas estarán rematadas no vindeiro mes de abril para proceder á apertura da convocatoria de concesión para outorgalas a outras dúas familias.
Deste xeito, quedará arranxada a metade do bloque de antigas vivendas, que conta cun total de oito residencias particulares.
Estas actuacións consisten na reforma integral con redistribución de espazos interiores, eliminación de humidades, renovación de fachadas e cubertas, cambio de fiestras, portas e carpintarías, pintado exterior e interior, dotación de illamento térmico e reposición de servizos.
O resultado serán casas de dobre planta con cociña-comedor, salón, alacena e terraza posterior no baixo e distribuidor, tres dormitorios e cuarto de baño no primeiro andar.