Moraña aprobará este xoves o Orzamento para 2022
Por Oskar Viéitez
O Concello de Moraña ten previsto aprobar, este xoves 30 de decembro, no último Pleno do exercicio os Orzamentos municipais de 2022, que ascenderán a case 2.603.849 euros.
Esta cifra supón un incremento do 12,27% con respecto ás contas municipais do pasado ano. Gran parte desa subida será destinada á contratación de 12 prazas de peón como persoal laboral temporal para a posta en marcha do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).
Tamén se recolle nese incremento, que supón 390.846 euros máis ca o Orzamento do 2021, a suba salarial do 2% para o corpo funcionarial.
Outra cuestión destacable é que, de novo, o Concello conxela os impostos e as taxas municipais existentes até agora.
Tal e como explicou o alcalde, José Cela, "estes Orzamentos teñen como obxectivo que este Concello sexa unha administración ben xestionada e solvente, que non teñamos endedamento e que, polo tanto, poidamos ter as nosas contas saneadas".
Por outra banda, o rexedor quixo destacar a "austeridade" que teñen os Orzamentos, "xa que se teñen que adaptar á realidade do noso Concello, á vez que garantimos que os servizos públicos que prestamos á nosa veciñanza estén perfectamente cubertos".
CRÍTICAS DO BNG
Pola súa banda, o grupo municipal do BNG lamenta "o atraso e a volta atrás para Moraña que van significar os novos orzamentos municipais".
Para o portavoz nacionalista Marcos Suárez estes orzamentos son "absolutamente anacrónicos e descontextualizados das necesidades actuais das veciñas e veciños de Moraña".
Suárez lamenta así mesmo que os "orzamentos sexan un rápido copia e pega de outros anos, como se estiveramos aínda no ano 2017, e que unha vez máis estes non sexan uns orzamentos sociais, expansivos e caian de novo no grande erro de non reflectir o contexto económico e social no que estamos a vivir nestes momentos".
Para o voceiro municipal do BNG "esta proposta de orzamento amosa ás claras un goberno paralizado, sen ideas e sen xestión".