APDR cualifica de "burla" o acordo entre Xunta e ELNOSA e estuda demandar a Agustín Hernández por prevaricación
Por Redacción
A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) non se fía do acordo asinado entre a Xunta de Galicia e os directivos de Elnosa para que a empresa abandone Lourizán no ano 2017. Para este colectivo, este pacto supón "unha burla á cidadanía da comarca" e para os sectores que viven da explotación dos recursos marisqueiros e pesqueiros, "que verán como a electroquímica seguirá a verter mercurio nas augas da Ría cando menos por tres anos máis".
Con esta decisión, entende APDR, o Partido Popular deixa claro que, "lonxe de cumprir a súa promesa de poñer data de saída a Elnosa, tense sometido aos intereses dos seus directivos" y denuncia que quen dita a política medioambiental da Xunta no referente ao saneamento e recuperación da Ría de Pontevedra "son precisamente as direccións de Ence e Elnosa".
"Descoñecemos se o PP ten recibido algún beneficio da empresa Elnosa, pero desde logo non nos parece que esta decisión poida terse dado de forma gratuíta", asegura o colectivo presidido por Antón Masa nun comunicado. Cren que este acordo demostra "un novo caso de corrupción nun partido no que, cada vez máis, estes comportamentos semellan ser a norma fronte á excepción dos comportamentos honorábeis e concordes coa Lei".
De aí que cualifiquen esta situación como "un clamoroso caso de corrupción ambiental", xa que afirman de calquera outro xeito "non se pode entender que unha empresa que foi condenada por delito ecolóxico xunto a Ence, que non fixo nada por mudar unha tecnoloxía hoxe en día prohibida na Unión Europea, que conseguiu a súa autorización ambiental sen o preceptivo informe favorable do Concello de Pontevedra e que sigue contaminando a Ría de forma grave, poida continuar por máis tempo no seu actual emprazamento".
APDR vai máis aló ao sinalar que esta decisión podería supor tamén a comisión dun presunto delito de prevaricación por parte do conselleiro de Medio Ambiente ao denunciar que un acordo cunha empresa "non pode tirar por terra" unha decisión firme como a establecida pola Xunta de Galicia na autorización ambiental de Elnosa, que fixaba, con carácter irrevogable, o día 7 de xaneiro do 2014 como a data na que tiña que cesar na súa actividade industrial, "unha decisión que non respondía a un capricho do goberno galego senón a unha exixencia da UE".
Neste sentido, a asociación ecoloxista adianta que está a estudar a posibilidade de denunciar pola vía penal ao conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, e asegura que tomarán todas aquelas decisións que, pola vía xudicial ou pola da mobilización social, "poidan impedir esta nova agresión ao medio ambiente, aos recursos naturais e á saúde e a calidade de vida da poboación da comarca".