Costas autoriza crear o Parque da Dignidade en Praceres
Por Alejandro Espiño
Os Praceres contará moi pronto cunha nova zona verde. Trátase do Parque da Dignidade, impulsado polo Concello de Pontevedra e que ocupará os terreos do antigo campo de fútbol, onde a Xunta pretendía ampliar a actual depuradora.
O proxecto presentado polo goberno municipal foi autorizado por Costas, titular destes terreos de dominio público marítimo-terrestre, cuxo estado de abandono será corrixido cunha actuación de restauración ambiental e paisaxística.
Este novo parque terá unha extensión de 17.210 metros cadrados e, segundo consta no proxecto, incluirá un paseo circundante, zonas de estar e unha gran área verde no seu núcleo central, delimitada con árbores e destinada a todo tipo de actividades ao aire libre.
Ademais do visto e prace de Costas, o parque tamén conta cos permisos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, segundo informou a Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
A titular deste organismo, Maica Larriba, lembra que esta autorización será "temporal" e poderá ser revogada "se impedise a súa utilización para actividades de maior interese público", como ordena a Lei de Costas, ou fora incompatible con normas aprobadas con posterioridade.
Hai xusto un ano, Alberto Oubiña presentaba os detalles deste Parque da Dignidade.
Será unha área revestida completamente de vexetación e contará con elevacións do terreo para que, emulando unha zona de media montaña, desde os seus puntos máis altos póidase ver o mar, sorteando a estrada que lles separa.
O parque contará cun camiño circundado, que terá unha gran pradería central rodeada de especies arbóreas e arbustivas para minimizar o impacto visual das edificacións.
As árbores e arbustos elixidos ofrecerán unha ampla gama cromática e serán en todo caso especies autóctonas como castaños, carballos, bidueiros, freixos ou tileiras.
Todo este conxunto contará ademais con diferente mobiliario urbano, iluminación adaptada á contorna e un sistema de rega automática para mantelo en óptimas condicións.