Desaproban a decisión do Sergas de reducir a un só médico o PAC de Caldas a partir de Aninovo
Por Redacción
A agrupación socialista do PSdeG-PSOE de Caldas de Reis mostra o seu rexeitamento á decisión da Xunta de Galicia de reducir o persoal médico do Punto de Atención Continuada (PAC) de Caldas a un só facultativo, nas tardes de luns a venres.
Lembran que o ambulatorio atende aos municipios de Caldas, Cuntis, Portas e Moraña con días de 75 asistencias e esperas de ata tres horas.
Os socialistas lamentan que a decisión fora notificada este xoves ao persoal do PAC, pasando a ser o único dos nove da área sanitaria de Pontevedra que sufra esta redución a partir do 1 de xaneiro.
Manuel González, secretario xeral do PSOE de Caldas, afirma que é un castigo a Caldas en materia de saúde, ao reducir os efectivos da sanidade pública e limitando a atención sanitaria.
Eva Fraga, secretaria de organización, considera que neste momento de repunte da covid-19 na zona "non é aceptable nin xustificable a redución do persoal do PAC, ao que apoiamos polo esforzo extraordinario que están a facer para atender todas as demandas da veciñanza" e lembrou que os pacientes rematan agardando horas para ser atendidos debido á mala planificación do Sergas.