O Grove mantén a cabalgata de Reis pero suspende a recepción no Concello
Por Redacción
Con cambios para adaptarse ás condicións sanitarias celebrará o Grove a cabalgata dos Reis Magos o próximo 5 de xaneiro, segundo avanza o goberno municipal.
O percorrido da comitiva pola vila manterase co mesmo horario e percorrido, pero suspéndese a recepción dos Reis Magos na Casa do Concello así como o tradicional discurso no balcón.
As Súas Maxestades non baixarán das carrozas nin pararán en ningún punto.
A cabalgata dará comezo ás 18.00 horas con saída desde o CEIP Valle Inclán cara a Rúa Teniente Domínguez, percorrerá o primeiro tramo da Castelao en sentido contrario á circulación e o segundo tramo da Castelao peonil.
Despois tomará o cruce cara a Rúa da Praza, Rúa Pablo Iglesias tamén en sentido contrario á circulación, Praza do Corgo, Rotonda das Garzas, subida por Luís Casais, de novo o tramo peonil da Rúa Castelao, Luis A. Mestre e Avenida de Portugal.
Desde o Concello fan un chamamento a toda a poboación para que se distribúa por todo o percorrido e eviten formar aglomeracións, sobre todo na rúa Castelao e na Praza do Corgo que adoitan ser os puntos máis conflitivos.
As actuais condicións sanitarias fan imposible a tradicional tirada de caramelos, polo que os Reis Magos deixarán paquetes individuais para toda a rapazada da vila que serán repartidos nos centros educativos ao comezo das clases de xaneiro.
Pola súa banda, tamén se cancelará a recepción do Carteiro Real prevista para o domingo 2 de xaneiro na Rúa Castelao e instalarase un buzón diante das carpas do mercadiño de Nadal para que todos os nenos e nenas poidan deixar as súas cartas o domingo 2 e o luns 3 de xaneiro.