Nada mellor que despedir o ano bañándose en Silgar por unha boa causa
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Decenas de persoas aproveitaron a tarde asollada do 31 de decembro para achegarse por Sanxenxo e alí solidarizarse coa Fundación Aladina que propuxera un baño colectivo en augas de Silgar. Esta iniciativa, que contou coa colaboración do Concello de Sanxenxo, converteuse unha festa de bo humor con numerosos bañistas que se achegaron ata o areal disfrazados con traxes de Papá Noel ou con outro tipo de vestimentas divertidas dispostos a abandonar o 2021 cun mergullo.
Na Rosa dos Ventos atopábase unha carpa onde as persoas que así o desexasen doasen unha cantidade de cinco euros para colaborar na axuda para menores que sofren cancro con programas e actividades como, entre outras, o acompañamento emocional e as terapias lúdicas, que organiza a Fundación Aladina.
Durante a xornada recaudaron 1.744 euros para este colectivo. Aínda segue activa a ligazón para doar a través de internet, onde polo momento foron recadados 1.122 euros. Permanecerá aberta unha semana máis a través deste enderezo: https://aladina.org/crowfunding/un-chapuzon-solidario/
Ademais, esta actividade coincidiu cunha andaina organizada polo Club Atletismo Team Corbelo que se iniciaba ás 16.30 na Praza do Mar e con percorrido ata Portonovo con volta ata Silgar.