Iluminación pirotécnica sobre Sanxenxo para recibir 2022
Por Redacción
A praia de Silgar iluminábase a últimas horas da tarde deste venres 31 de decembro cun espectáculo pirotécnico para abandonar 2021 e recibir con entusiasmo o 2022.
O Concello de Sanxenxo organizaba por primeira vez na súa historia unha tirada de lumes na programación do Nadal. O público puido ver desde a Praza dos Barcos e o Paseo de Silgar, grazas á boa temperatura que se rexistrou durante a velada, como as explosións de luz iluminaban a ría.
O lanzamento realizouse desde o espigón do porto, durante ao redor de dez minutos, con máis de 4.000 efectos pirotécnicos e a utilización de once tonalidades diferentes de cor.